Conferencia no Ribeiro “A marabillosa historia do viño en Galicia” de Luis Congil, venres 8 as 20:00 h

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Conferencia “A marabillosa historia do viño en Galicia” no Ribeiro, o venres 8 ás 20:00 no Museo do Viño de Galicia

-“O Ribeiro está a vivir unha segunda idade de ouro que debe agarimar e conservar”

Que relación tivo Pablo Picasso co Ribeiro? Era Graham Greene un espía do MI6 na transición española cando visitaba esta comarca? Que papel xogou o duque de Lancaster na expansión dos “ribadavias” por Europa no século XIV? E a declaración do primeiro Ano Santo Xacobeo? Estas e moitas outras preguntas sobre a historia dos viños do Ribeiro terán resposta o próximo venres 8 de xullo, ás 20:00, no Museo do Viño de Galicia, na conferencia de presentación do libro “A marabillosa historia do viño en Galicia”, do xornalista Luis Congil.

“O Ribeiro está a vivir unha segunda idade de ouro”, afirma o autor, “como se reflexa na morea de premios colleitados no último ano, no recoñecemento do valor de marca e no incremento do valor da terra, pero” -advirte- “debemos coñecer a historia que nos trouxo ata aquí para non cometer os erros do pasado”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Así, na conferencia “A marabillosa historia do viño en Galicia”, Luis Congil fará un percorrido desde as últimas novidades na identificación xenética dos primeiros cultivos das variedades galegas nos rexistros arqueolóxicos, ata a presencia do primeiro lagar rupestre recoñecido de procedencia romana -o de Astariz- ata chegar ao século XX, con todas as súas contradicións e calamidades no Ribeiro.

“O ribeiro foi un viño de prestixio internacional consumido polas elites europeas na Idade Media”, afirma o autor, “por una afortunada conxunción de casualidades: a toma de Ribadavia polas tropas de Lancaster actuaron como unha `feira de mostras´ sobre os soldados ingleses, que voltaron a Inglaterra falando marabillas dos viños, e á declaración do primeiro Ano Santo a principios do século XV, que xerou a necesidade de cargar os barcos que regresaban a Europa de deixar a miles de peregrinos en Galicia”.

O século XX: o paradoxo da abundancia

Especial atención merecen as penosas circunstancias que atravesou a comarca do Ribeiro nos séculos XIX e XX. Ás pragas de oidium, mildeu e filoxera veuse a sumar o paradoxo dunha produción cada vez maior, o acceso á propiedade da terra coa redención dos foros,  pero unha forte depreciación do valor de marca secular que ata entón atesouraban os viños de Ribadavia.

Entre os factores menos analizados para a gran crise do século XX, hoxe afortunadamente superada con creces, atópase o crack bursátil de 1929, que ao cortar de súpeto os retornos de divisas dos emigrantes, así como a súa propia capacidade financeira nos seus países de destino, amputaron de súpeto as exportacións de ribeiros, ata entón millonarias en toda Sudamérica, a onde se distribuían desde La Habana.

Estas e moitas outras cuestións, como o papel no desenvolvemento agropecuario da comarca de empredendores como José Andrade Usatorre ou visionarios como Pedro Sánchez Vaamonde, serán abordadas na conferencia do venres á tarde no Ribeiro nunha conferencia cun dinámico soporte audiovisual que inclúe documentos orixinais, pronunciada polo autor do libro “A marabillosa historia do viño en Galicia”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------