Programación cultural da fin de semana: música e entroido de verán; feira de Feás e Trail 4×4 na Pedriña

O verán cultural segue no Carballiño con máis programación para esta semana. Hoxe comezou o entroido de verán con festa de disfraces para os máis pequenos, animada por DJ Tibu. Para este sábado, entroido de verán. O desfile comezará ás 20:30 no templo da Veracruz, pasando pola rúa Curros Enríquez, Xulio Rodríguez soto, Partido Carballiñés en Bos Aires e Rúa Principal. No mesmo, participarán famosas comparsas da comarca como os Arrieiros de Dacón, Os nevadiños, Os Silleiros de Maside, a Asociación Entroula e Anpa da Uceira ou a comparsa de Partovia. Tamén estarán presentes os inxeñiosos veciños de Amoeiro cas súas carrozas ou os espectaculares Solfamidas de Campo Lameiro.

Unha vez rematado o desfile, tres charangas animarán as rúas do Carballiño e continuarán ca festa de disfraces. A Charanga CLK, Castro Bello e Dr. Anchoa percorrerán as rúas da vila ata entrada a madrugada como peche da programación.

AVANTAR ACTIVIDADES

Tamén o sábado, xuntanza anual popular e baile do programa da Radio Galega “Pensando en ti”, ca orquestra Gran Parada. Pola noite, concerto de Keleikia no 7 Flores, ás 23:30 horas.

E o domingo, xa deu comezo de novo o ciclo de baile para maiores, no parque municipal, ás 19:00 horas; e ás 20:30 horas, música de Rúa “Feito no Carballiño” – 4MAL QUARTET JAZZ, na Praza Maior.

En Boborás, de volta a Feira de Feás

Os veciños de Feás, no concello de Boborás, volverán a celebrar a Feira de Feás, que alcanza a súa terceira edición, motivado polo parón da pandemia. No 2018, dende o concello tomábase a decisión de volver a poñela en marcha, como recuperación das antigas tradicións.

Esta nova edición celebrarase o 10 de xullo, domingo, dende as 10:00 horas no campo da festa. Contará con música en directo, artesanía e mercado de produtos e alimentos autóctonos, e xogos para nenos, entre outras novidades. Tamén haberá un xantar popular, a base de empanada, pulpo, churrasco e postes.

E no Irixo, Trial 4×4 Predriña

Mañá sábado terá lugar o Campionato Galego Trial 4×4 na Pedriña, O Irixo, competición federada que nos deixa cada ano unhas imaxes que deixan sen respiración. No pasado mes de novembro non se puido celebrar, polo que agora volven con máis forza. A proba durará toda a xornada do sábado, con competición de mañá e de tarde. Ás 09:00h será o brifieng de pilotos e copilotos; ás 10:00h, a apertura de zonas, que pecharán ó remate das probas da mañá, ás 14:00h e voltarán abrir ás 16:00h para as probas da tarde. Ás 21:00h está prevista a entrega de premios.

Este ano haberá moitas novidades, tanto nos circuítos coma no evento en sí, coma un espazo habilitado para poder xantar no recinto.