O Teatro Principal programa para a segunda metade do ano unha trintena de producións escénicas, musicais, de danza, poesía e cinema

As actividades previstas foron presentadas esta mañá no Principal nun acto que contou coa presenza do vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; e a directora do teatro, Olga Mojón

César Fernández cualificou o Principal como “unha infraestrutura cultural de luxo, cunha oferta de calidade e máximo nivel”. Anunciou que se está a traballar nun novo proxecto cultural en colaboración co Cineclube Padre Feijoo, para que se poidan proxectar películas con periodicidade semanal

AVANTAR ACTIVIDADES

Sutil destacou “a calidade do teatro galego” que poderá ver o público ourensán nos próximos meses, destacando que a Rede Galega de Teatros e Auditorios “ten entre os seus principais socios ao teatro ourensán”

Olga Mojón detallou un programa, aberto a novas incorporacións, que comezará o 8 de setembro e rematará o 29 de decembro

Do 8 de setembro ao 29 de decembro próximos o Teatro Principal de Ourense ofrecerá máis dunha trintena de producións escénicas, concertos de música, espectáculos de danza, recitais de poesía e cinema. Así o reflicte a programación de actividades do Principal para a segunda metade do ano, presentada esta mañá nun acto no que participaron o vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; e a directora do teatro, Olga Mojón.

O Teatro Principal “é unha infraestructura cultural de luxo, toda unha referencia na provincia de Ourense”, destacou César Fernández na presentación do programa, agradecendo a colaboración institucional, a través da Xunta de Galicia, así como á dirección e ao persoal do teatro un labor que se traduce “nunha oferta de calidade e máximo nivel”.

O vicepresidente segundo da Deputación adiantou que o goberno provincial está a traballar nun novo proxecto cultural en colaboración co Cineclube Padre Feijoo, para que no Principal se poidan programar proxeccións de películas cunha periodicidade semanal “como unha actividade máis que incorporaremos á programación do teatro”.

Jacobo Sutil destacou pola súa banda “a calidade do teatro galego” que poderá ver o público ourensán nos próximos meses. A participación da Axencia Galega das Industrias Culturais na programación do Principal, sinalou, enmárcase na Rede Galega de Teatros e Auditorios, “o circuíto de distribución de artes escénicas e música de carácter profesional máis importante de Galicia, con 201 funcións programadas nos 37 concellos que integran esta rede, con 1,8 millóns de euros, financiados ao 50 % entre a Xunta de Galicia e as entidades colaboradoras, e que ten entre os seus principais socios ao teatro ourensán”.

Poesía para iniciar a programación

Olga Mojón foi a encargada de dar conta do detalle da programación. Unha nova tempada que comeza o día 8 de setembro co III Festival de Poesía e a obra Imos ter máis que palabras. Do 16 ao 18 porase en escena Contos Arraianos de Sarabela Teatro, e o día 22 regresa a Ourense Una noche sin luna, galardoada con catro premios Max e que xa estivo no Teatro Principal pero con aforo moi reducido pola pandemia. Pecha a programación deste mes o Festival de Cine de Ourense, que principia o día 23.

En outubro está previsto o Festival Blues Teatro Principal (días 7 e 8), a edición número 15 do Festival Internacional de Teatro de Ourense (13-23) e tamén regresa a programación familiar coa produción musical Pequeclassics (16). O día 21 chega a escena El beso de la mujer araña, e remata o mes con Malnacido, no marco das Xornadas Romasanta da Función Vicente Risco.

Música clásica en novembro

Xa en novembro, a programación comeza o día 4 coa obra Villa e marte, para dar paso á música o día 5 coa Real Filharmonía de Galicia; o día 6 volve a música para toda a familia con Pequeclassics; chegará despois a quenda do anunciado ciclo do Cineclube Padre Feijoo (9, 16 e 30); segue despois a obra Morte accidental dun anarquista (13); e volve a música o día 17 coa Orquesta Sinfónica de Galicia. O Principal acollerá o día 19 o espectáculo de danza e teatro El perdón; continuará cunha nova cita familiar con Tarzán (20); un ciclo sobre novas músicas emerxentes (24 e 25); e para finalizar o mes a obra Decadencia (26) 

Decembro empeza coa produción Doble o nada (2 e 3); a obra Silencio (10), unha das grandes producións teatrais deste ano dirixida por Juan Mayorga, premio Princesa de Asturias das Letras 2022; Continente María (11), que redescubre a extraordinaria figura da actriz María Casares; haberá tamén espazo para o canto con The Harlem Gospel Choir (16); Los dioses y Dios (17), outra importante produción do ano de Rafael Álvarez El Brujo; un concerto do pianista portugués António Oliveira (18); e máis música coa Xoven Orquestra Nacional de Ucraína (21). Neste tramo final do ano chegará o día 23 ao Principal o espectáculo circense Galtük, un sueño de Navidad; a obra Voa Voa (27); a produción infantil A nena que vivía nunha caixa de mistos (28); e por último Nina Ninette (29).

A programación ampliarase con máis actividades que organizará a propia Deputación, así como outros colectivos e entidades, mentres que a venda de abonos para esta segunda metade do ano comeza mañá, día 20, e prolongarase ata o 8 de setembro