- O delegado territorial explicou que as actuacións están destinadas a mellorar a eficiencia enerxética do centro e a facilitar a súa accesibilidade
- Gabriel Alén salientou que todas as novas intervencións que promove a Xunta en infraestruturas escolares apostan por un modelo de centros “ao servizo da aprendizaxe e da convivencia, con espazos accesibles, saudables e cómodos nos que o alumnado poida estudar, socializar, xogar, facer deporte…”, en liña coas pautas marcadas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alen, visitou, acompañado do alcalde, Álvaro José Fernández, o CEIP Manuel Respino de A Rúa, para supervisar o remate dunha serie de actuacións destinadas a mellorar a eficiencia enerxética do centro e facilitar a súa accesibilidade; reformas nas que a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades investiu preto de 614.000 euros.
Gabriel Alén explicou que as obras consistiron na inxección en cámara de aire de perlas expandidas de EPS e adhesivo; a substitución de carpintería exterior, por carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo, incluso persiana de aluminio con illamento no interior e caixa de persiana; a substitución de luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética, con detectores de presenza e reguladores de intensidade e o illamento do forxado baixo cuberta con lá de roca mineral de 100 mm de espesor. Todas estas medidas combinadas supoñen un aforro enerxético anual do 30,7 % en consumo de enerxía primaria e do 31,3 % en emisións de CO2.
O delegado territorial tamén relatou outras actuacións que se desenvolveron como son as melloras de accesibilidade, a colocación dun novo ascensor, falsos teitos e reformas en aseos, así como pintado de paramentos interiores. Así mesmo, ampliouse o ximnasio-aula polivalente da planta baixa. Melloras todas elas, subliñou Gabriel Alén, “adaptadas ás novas esixencias construtivas establecidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, dotado con 191 millóns de euros.
O delegado territorial salientou que todas as novas intervencións que promove a Xunta en infraestruturas escolares apostan por un modelo de centros “ao servizo da aprendizaxe e da convivencia, con espazos accesibles, saudables e cómodos nos que o alumnado poida estudar, socializar, xogar, facer deporte…”, en liña coas pautas marcadas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia.
Arquitectura ao servizo dos proxectos educativos
O Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia pivota nunha parte académica (con espazos ao servizo dos proxectos educativos, sobre todo vinculados á transformación dixital e xeradores de inclusión), nunha parte infraestrutural (con espazos máis amplos, saudables e unha maior integración coa contorna) e nunha parte de sustentabilidade acorde coas novas esixencias de eficiencia enerxética e respecto medioambiental.
No que atinxe ás infraestruturas propiamente ditas, as novas reformas, acondicionamentos e construcións seguirán unhas pautas construtivas homoxéneas, cunha identidade corporativa específica, aínda que axustada ás contornas nas que se inxiren, sexan do ámbito rural ou urbano.
A rede de centros de ensino públicos en Galicia está formada por máis de 1.000 colexios e institutos repartidos desde os concellos máis pequenos do rural (con menos de 2.000 habitantes) ata as grandes cidades. De feito, nove de cada dez concellos contan cunha infraestrutura educativa para servizo dos seus cidadáns.