A Deputación edita un libro sobre o Camiño de San Rosendo, unha ferramenta de promoción para a Baixa Limia e Terras de Celanova

A Deputación ven de editar un libro sobre o Camiño de San Rosendo, escrito polas xornalistas ourensás Laura F. Espinosa e Mónica V. Lopo. “El Camino de Santiago por las tierras de Rosendo” está perfilado a través de 12 etapas, permitindo recorrer os 250 quilómetros que separan Braga de Compostela, centrándose especialmente nas sete primeiras -dende a cidade portuguesa ata Ourense- posto que o último tramo coincide coa Vía da Plata. O libro, de 140 páxinas, está dispoñible dende hoxe nas librarías. 

O deputado Pablo Pérez mantivo un encontro coas xornalistas no claustro do mosteiro de Celanova, para analizar os detalles dun libro que “é unha nova ferramenta de promoción para a Baixa Limia e Terra de Celanova”. Pérez resaltou o “bo traballo de Laura Espinosa e Mónica Lopo, dúas mulleres pegadas ao territorio e que reivindican cada día o xornalismo local” e avanzou o compromiso do goberno provincial “para seguir construíndo provincia, con motores tan potentes para o rural ourensán como o Camiño de San Rosendo ou a Vía da Plata”. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Laura F. Espinosa: “Este Camiño é unha experiencia única”

A xornalista Laura F. Espinosa resalta que “camiñar pola calzada que fai dous mil anos marcaron as tropas romanas é toda unha experiencia única para o peregrino”. A coautora do libro xunto a Mónica V. Lopo destaca que o trazado atravesa a “Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés, visitando xoias únicas do noso patrimonio como a igrexa visigótica de Santa Comba de Bande ou San Miguel de Celanova, son agasallos que ofrece este Camiño”.

Espinosa explica que o libro “pretende ser un granito de area máis na promoción deste gran territorio, cun patrimonio natural e arquitectónico impresionante” e agradece a colaboración de “todos os que nos axudaron a que este libro fose unha realidade e a Deputación, “pola selección da obra para a súa edición a través do certame de publicacións de 2021”. 

Mónica V. Lopo: “O Camiño de San Rosendo é tamén unha oportunidade para o rural”

Pola súa banda, Mónica V. Lopo explica que o “Camiño de San Rosendo e da Rainha Santa é moito máis que un roteiro de peregrinación milenaria. E tamén unha oportunidade para o rural, ese rural do que tanto se fala polo progresivo abandono que ven sufrindo dende fai anos. Este Camiño pode ser un xeito de fixar poboación ofrecendo aos peregrinos tódolos servizos necesarios. Peregrinos que ademais lle darán vida cos seus pasos”.

A xornalista define este roteiro como un “Camiño único que ofrece moito máis do que un se imaxina e que merece ser descuberto. O legado romano, xoias patrimoniais e naturais ou fermosísimas aldeas do noso rural”. 

Descrición de cada etapa, perfil e mapas

No seu discorrer ata a cidade de As Burgas, o trazado proposto por “El Camino de Santiago por las tierras de Rosendo” segue -en gran parte- o marcado polos romanos no século I coa Vía Nova -especialmente desde Terras de Bouro a Santa Comba de Bande- e que mantén intacto o seu trazado en Terras de Bouro ou Lobios.

O libro ofrece unha primeira parte que describe o patrimonio local e unha segunda coa descrición da etapa, perfil e mapas para facilitar o camiñar do peregrino por un Camiño que, segundo explican as propias xornalistas, está en proceso de acadar a oficialidade: “O CSIC-Padre Sarmiento está inmerso nun proceso de investigación para dirimir se inclúe dentro dos roteiros oficiais de peregrinación, polo que agora mesmo non conta cunha sinalización homoxénea”. 

“El Camino de Santiago por las tierras de Rosendo” tamén inclúe un prólogo e un capítulo introdutorio, que contextualizan o motor deste camiño e o peso histórico de Rudesindus, bispo de Gallaecia no convulso século X e fundador de Celanova, que dá nome a este camiño.