Castrelo de Miño acolle do 1 ao 3 de setembro a XXIV Concentración de Escolas de Vela e a regata Copa Deputación da clase Optimist

Sesenta embarcacións tripuladas por regatistas de entre 7 e 14 anos, procedentes de dez clubs galegos, disputarán no Parque Náutico de Galicia unha competición na que tamén se fomentan os valores da convivencia

O vicepresidente primeiro, Rosendo Fernández, afirmou na presentación da proba que esta actividade que pon de manifesto “a permanente aposta da Deputación pola náutica, no marco dese ecosistema deportivo que aproveita os nosos excelentes recursos naturais para competicións de primeiro nivel”

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 31 de agosto de 2022.- Sesenta embarcacións chegadas de toda a comunidade galega participarán do 1 ao 3 de setembro na XXIV Concentración de Escolas de Vela e maila regata Copa Deputación da clase Optimist, que se celebrará no Parque Náutico de Galicia en Castrelo de Miño. Unha actividade de convivencia e competición presentada esta mañá no Pazo Provincial coa presenza do vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández; o alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos; e a presidenta e mailo director técnico do Club Náutico deste concello, Beatriz Alberte e Gabriel Fernández.

Rosendo Fernández felicitouse por unha nova actividade que pon de manifesto “a permanente aposta da Deputación pola náutica, no marco dese ecosistema deportivo que aproveita os nosos excelentes recursos naturais para competicións de primeiro nivel”. Nesta ocasión, engadiu, “a vela deixa de ser un deporte de litoral para converterse nun auténtico deporte de interior, grazas ao gran traballo que desenvolve o Club Náutico de Castrelo de Miño”.

“Este é un claro exemplo de cooperación pública”, dixo pola súa banda Avelino Pazos, que agradeceu á Deputación o apoio ao club náutico polo próximo investimento, en colaboración coa Xunta, de 1,2 millóns de euros para a remodelación das instalacións. Un recoñecemento que fixo extensivo ao propio club “por todo o traballo, constancia e sacrificios que hai detrás desta actividade e doutras moitas probas de diversas modalidades que se disputan na ‘ría do Ribeiro”.

Para Beatriz Alberte, este tipo de actividades permite ás mozas e mozos “tomar contacto co espírito da competición, pero tamén coa valores máis nobres do compañerismo grazas a esta convivencia de tres días que recuperamos logo da pandemia”. Tamén co apoio da Real Federación Galega de Vela, detallou entre tanto Gabriel Fernández, nesta concentración participarán 60 embarcacións tripuladas por regatistas de entre 7 e 14 anos procedentes de dez clubs galegos, incluído o equipo de Castrelo de Miño. A Copa Deputación comeza mañá xoves pola tarde, estando prevista a disputa de tres regatas cada día.