Espazo Común critica que este ano non se celebrase o ” Verán Deportivo “

NOTA INFORMATIVA DE ESPAZO COMÚN:

AVANTAR ACTIVIDADES

O VERÁN DEPORTIVO: OUTRA VÍTIMA DO DESASTRE DO DESGOBERNO DO CARBALLIÑO

Xa eran poucas as actividades que se facían para os máis novos que aínda foron quen de suprimir unha das máis consolidadas.

A xuventude do Carballiño sóbralle ao alcalde Fumega e ao seu grupo de desgoberno. Doutro xeito non se pode entender o maltrato constante e o esquecemento co que castigan aos nosos mozos e mozas.

Cero avances na prometida e comprometida Casa da Xuventude; unha Biblioteca Municipal en moito peores condicións aínda que hai 7 anos, a pesares dos cartos malgastados alí; ningunha nova infrestrutura deportiva; un Pavillón que pecha os domingos e no verán; unha Piscina Municipal da que case é mellor non falar ou un inexistente programa de actividades dirixido a esta franxa de idade que vaia máis alá de traer á orquestra Panorama unha e outra vez.

Pois por se todo isto fose pouco, o Concello do Carballiño tivo a ocorrencia de de facer desaparecer sen explicación algunha unha das poucas iniciativas que lles quedaban.

Referímonos ao Verán Deportivo, evento que dende fai máis de 20 anos enchía de xuventude a Pista Roxa e supuña unha alternativa de ocio saudable o ofrecendo máis opcións ca os bares ou as casas de apostas para centos de xoves do Carballiño que participaban nela directa ou indirectamente.

Durante o 2020 e o 2021 non se puido celebrar por mor da pandemia e, como non, o desgoberno do Carballiño e a súa concelleira responsable, Silvia Baranda, aproveitaron a inercia para facer a “especialidade da casa”: nada.

Así de sinxelo. O verán deportivo 2022 nin existiu nin se explicaron as causas da súa desaparición.