O PSdeG de Pereiro insta ao concello á redacción dun plan de saneamento do río lonia que poña fin aos problemas medio ambientais que sofre

Os e as socialistas piden un convenio cos concellos de Nogueira de Ramuín e Esgos e que se procuren acordos con outras administracións públicas competentes para conseguir financiamento

O voceiro do PSdeG, Jorge Gutiérrez, destaca que “o concello, como máximo responsable da depuración e saneamento das súas augas residuais, non pode ser alleo ao actual estado das augas no encoro de Cachamuiña e ás continuas denuncias presentadas”

AVANTAR ACTIVIDADES

Pereiro de Aguiar, 14 de setembro de 2022. O PSdeG-PSOE de Pereiro de Aguiar defenderá no vindeiro pleno municipal unha moción na que insta ao Concello a comprometerse a iniciar conversas cos concellos de Nogueira de Ramuín e Esgos, para a firma do correspondente convenio para a redacción dun plan conxunto de saneamento dos ríos Lonia e Grañal. Os e as socialistas explican que o obxectivo “é procurar financiamento para este proxecto con outras administracións públicas competentes na materia e dar solución aos graves problemas medio ambientais acaecidos nestes ríos”.

Dende o Grupo Municipal Socialista en Pereiro de Aguiar apuntan a que ao longo do caudal do río Lonia, así como dos seus afluentes, como é o caso do río do Grañal, “existe unha extensa rede de saneamento, e gran número de fosas sépticas e EDARs que producen vertidos de augas residuais no propio río e afluentes”. Os e as socialistas consideran que “é preciso actuar canto antes, cunha mellora e ampliación do tratamento de augas residuais actuais, estudando tamén o seu posible reemprego, tendo en conta as novas demandas, tanto poboacionais como medioambientais, así como a normativa vixente na materia”.

Para os e as socialistas, o incremento da poboación e número e volume de verteduras nos últimos anos “incrementou esta problemática no noso municipio”, motivo polo que consideran que a redacción, aprobación e execución deste plan “levaría consigo melloras na calidade das augas e no medio ambiente do ecosistema fluvial da conca do río Lonia”. Neste senso, tamén manifesta que “hai unha achega de cantidades excesivas de nutrientes e outras substancias contaminantes que chegan ao encoro de Cachamuíña, ao que se suman as altas temperaturas, a seca, a saturación de osíxeno ou o escaso volume de auga embalsada, provocando un crecemento excesivo do fitoplacton, principalmente cianobacterias, que tinguen as augas do encoro dunha cor típica verde-azulado fluorescente, as cales, poden producir acumulacións masivas de biomasa distribuída na superficie e producir un desequilibrio na estrutura trófica do ecosistema”.

O voceiro do PSdeG-PSOE en Pereiro de Aguiar, Jorge Gutiérrez González, explica que “correspóndelles aos concellos, en exclusividade, as competencias en materia de saneamento e depuración das augas residuais”. O edil socialista tamén apunta, non obstante, que a cooperación con outras administracións “é clave para poder levar a cabo un proxecto tan esencial para o futuro desenvolvemento do noso municipio”.

Gutiérrez González fai fincapé tamén na “necesidade imperiosa de actuar neste plan conxunto de saneamento dos ríos, posto que desta aprobación depende o futuro medioambiental, e turístico do noso municipio, ao estar atravesado por numerosos relatos e o Roteiro dos Muíños”. Neste senso, tamén destaca que as “augas do río Lonia están declaradas de especial protección ao existir unha captación para o abastecemento da cidade de Ourense, nos encoros de Castadón e Cachamuiña”. “Os concellos non poden ser alleos a un problema medioambiental que se está agravando nos últimos anos polo incremento da poboación na zona e as consecuencias do cambio climático” sinala o voceiro socialista, que tamén afirma que “temos que actuar canto antes polo futuro dos nosos municipios e dos nosos fillos e fillas”.

Dende o PSOE de Pereiro lembran que dende o ano 2008 levan reclamando ao Concello un plan de saneamento integral do río Lonia, pero segundo explican “ata o de agora nada se fixo, polo que consideramos que esta moción non pode caer outra vez en saco roto e é urxente actuar con rapidez para darlle solución aos problemas ambientais do río Lonia e dos seus afluentes”.

Preguntas na sesión plenaria

Os e as socialistas tamén aproveitarán o pleno municipal para presentar unha batería de preguntas en relación ao río Lonia. Dende o PSdeG-PSOE de Pereiro centrarán o foco no número de expedientes sancionadores por infraccións en materia de verteduras, a situación de ditos expedientes, as multas pagadas nos últimos dous anos por este tipo de infraccións e os danos ambientais que se produciron e medidas para reparalos.