A Deputación creará unha oficina para apoiar aos concellos na implantación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e a Axenda 2030

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

A iniciativa apoiará a elaboración e implementación de plans municipais de sostibilidade, ademais de seguir reforzando a presenza dos ODS nas políticas provinciais. “Será unha ferramenta clave para o impulso destas accións en todas as esferas territoriais”, explica o presidente da Deputación

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Manuel Baltar abordou o proxecto co deputado Jorge Pumar, que asume as competencias delegadas do cumprimento e seguimento da Axenda 2030 e os ODS segundo o compromiso exposto polo presidente da Deputación no Debate de estado da provincia de 2020 e o plan de mandato 2019-2023

O proxecto do goberno provincial buscará nos próximos 12 meses asesorar a un mínimo de 20 concellos ourensáns

A nova oficina tamén se marca coma obxectivo impulsar iniciativas sostibles, situando o foco nesta primeira fase na promoción de proxectos vinculados ao fomento da enerxía limpa e accesible para os veciños e entidades públicas

Ourense, 24 de setembro de 2022.- A Deputación de Ourense segue avanzando no seu compromiso coa sustentabilidade e a implementación dos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible (ODS). Aliñada a súa acción política co marco de transformación exposto pola Axenda 2030, o goberno presidido por Manuel Baltar aposta agora pola creación do proxecto OU-DS 2030 -Axenda 2030 para Ourense-, perfilada co obxectivo de ser unha ferramenta de apoio ao desenvolvemento de iniciativas municipais e provinciais en Ourense que proporcionen respostas innovadoras aos principais retos do territorio. O proxecto aspira ao financiamento da Secretaría de Estado da Axenda 2030, co fin de mobilizar 400.000 euros no primeiro ano de execución.

O presidente da Deputación abordou os detalles deste proxecto co deputado Jorge Pumar, que suma as competencias do cumprimento e seguimento da Axenda 2030. Manuel Baltar avanzara este compromiso no Debate do estado da provincia de 2020, reforzando o compromiso marcado no Plan de mandato 2019-2023. 

“Ourense é un referente de sustentabilidade, e con esta nova ferramenta buscamos ser tamén un referente na identificación de iniciativas que faciliten a implantación dos ODS e a Axenda 2030 no rural”, valorou Manuel Baltar, situando o rol da Deputación como “concello dos concellos” e o “carácter innovador e transformador da administración provincial” coma dúas clave para facilitar este traballo sobre o terreo. 

O proxecto apoiará a elaboración e implementación de plans municipais, ademais de seguir reforzando a presenza dos ODS nas políticas da Deputación de Ourense. Neste traballo, o goberno provincial creará a Oficina OU-DS 2030, onde se ofertarán recursos humanos, financeiros e materiais, ao que poden acceder os entes locais da provincia de Ourense para elaborar os seus plans de actuación municipal e aliñalos coa Axenda 2030 e os ODS, ademais de facilitar o posterior seguimento ás actuacións deseñadas.

Coñecemento e sensibilización dos axentes implantados no territorio

O proxecto buscará nos próximos 12 meses asesorar a un mínimo de 20 concellos no desenvolvemento de estratexias de implantación ou adaptación de plans á Axenda 2030. “Esta Oficina OU-DS 2030 será un instrumento necesario para o impulso de iniciativas de ODS en todas as esferas e dimensións do territorio”, explica Manuel Baltar, que resalta a importancia de “asesorar aos propios técnicos e políticos no desenvolvemento da adaptación das políticas públicas aos ODS e a Axenda 2030”. 

O obxectivo, resalta o presidente da Deputación, “é dar a coñecer o poder transformador da Axenda 2030 no territorio e poñer de relevo o protagonismo das corporacións locais neste gran desafío colectivo”.

O fomento do coñecemento e sensibilización sobre a importancia da implantación dos ODS na toma de decisións diarias desenvolverase no conxunto dos axentes do territorio. Ademais do traballo cos técnicos e políticos, executaranse iniciativas con colexios e axentes educativos, deseñando un obradoiro para rapaces cun alcance obxectivo de 2.000 nenos no primeiro ano.  

Motor de iniciativas arredor da Axenda 2030, co foco na enerxía limpa e accesible

A oficina tamén estará chamada a ser o motor de iniciativas que contribúan a implementar a Axenda 2030 e a facer realidade o logro dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible en Ourense. Como campo de actuación primario para os vindeiros 12 meses -e sempre abertos a outras iniciativas que presenten por axentes ou entidades locais-, a Oficina OU-DS 2030 dará prioridade ao desenvolvemento de proxectos vinculados ao fomento da enerxía e en particular, proxectos que aseguren unha aliñación co obxectivo de “enerxía limpa, sostible e accesible” para todos os veciños e entidades públicas ourensáns.