A Xunta inicia as obras de mellora do firme na estrada OU-504, nos concellos de Ribadavia e de Cea, que suporán un investimento de 1,1 M€

As obras, cun prazo de execución de 6 meses, consistirán na rehabilitación do firme desta vía entre a intersección coa N-120 en Ribadavia e a intersección coa OU-901 en Cea

As obras contemplan a habilitación de cunetas de seguridade de formigón, incluíndo tubo dren e recheo con material de fresado da propia obra
 

AVANTAR ACTIVIDADES

A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica para proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas máis cómodas e seguras

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar as obras de mellora do firme na estrada OU-504, ao paso polos concellos de Ribadavia e de Cea, que suporán un investimento de 1,1 millóns de euros.

Os traballos, cun prazo de execución de seis meses, consistirán na rehabilitación do firme da OU-504 entre a intersección coa estrada N-120 en Ribadavia e a intersección coa OU-901 en Cea, en concreto, entre os puntos quilométricos 1+460 ao 1+800; e do 2+900 ao 28+080.

Segundo o treito e o estado actual do firme, realizaranse fresados e reposicións de 5 e 10 cm de espesor, e disporase unha nova capa de rodaxe mediante o estendido dunha mestura bituminosa en frío, tipo microaglomerado.

As obras incluirán a habilitación de cunetas de seguridade de formigón, incluíndo tubo dren e recheo co material de fresado da propia obra para reforzar a seguridade viaria.

Tamén se mellorarán os camiños, mediante estendido do material de fresado da propia obra e o selado mediante unha rega asfáltica. Ademais acometerase a limpeza e o reperfilado das marxes.

A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.