Espazo Común critica que o alcalde de Piñor non respostara as súas preguntas en pleno

A formación de Espazo Común do concello de Piñor critica que o alcalde non respostara ás súas preguntas durante a sesión plenaria. A súa crítica fixérona pública a través do seguinte comunicado:

“O acontecido no pasado pleno non deixa de ser unha mostra máis da falta de transparencia no Concello de Piñor. O alcalde, facendo gala do seu escaso respecto ós principios democráticos máis básicos, non quixo contestar ás preguntas formuladas polo grupo municipal de Espazo Común. As preguntas foran formuladas en forma e dentro do prazo legalmente establecido, polo que ten a obriga legal de responder.  Mais o alcalde no canto ofrecer respostas dedicouse a ofrecer evasivas e escusas a cada cal máis peregrina e falaz.

AVANTAR ACTIVIDADES

Dende Espazo Común indican que “nada puidemos saber dos custes da última festa dos callos, nada acerca dos listaxe de usuarios do servizo de axuda no fogar, nin dos dependentes que levan meses agardando a que o concello lles preste ese servizo tan necesario para o seu benestar. Tampouco explicou as razóns pola que lle está retirando tempo de atención domiciliaria a determinados dependentes (neste caso fixo algo máis grave se cabe, adicándose a atacar a unha concelleira da oposición que estaba ausente). Non foi quen de explicitar os motivos polos que o concello non contratou este verán a brigada de prevención de incendios, pese a asinar o convenio coa Xunta de Galicia. E finalmente quedamos coas ganas de saber cales son as actuacións que vai desenvolver o obradorio de emprego. A única pregunta que respondeu foi sobre a retirada de niños das avespas velutinas para dicir que non era cousa do concello.”

A esta negativa a ofrecer os datos polos que se preguntaban, e que son sinxelos de ofrecer por parte do alcalde, súmanse ós expedientes ós que  non concedeu  acceso e a información pendente de facilitar dende hai tempo. Obvia o alcalde de Piñor a normativa sobre transparencia e os máis elementais principios democráticos, ocultando información e tentando tapar todo o que non lle interesa que se saiba. Afirman dende o grupo municipal de Espazo Común que  “el saberá os  porqués da información que agocha.  O que sen dúbida sabe é que  a ocultación de datos á cidadanía é o caldo de cultivo da corrupción.”