Xuntos por San Amaro constitúese en partido político

O pasado 31 de maio, 10 veciñas e veciños do San Amaro, todas elas maiores de idade, reuníanse nunha Notaría ourensá para fundar o partido político Xuntos por San Amaro.

Antecedentes
Chegaba este feito despois da experiencia da Agrupación electoral constituída no ano 2019 para o presente mandato, e despois de termos constatado varias cousas ao longo destes 3 anos de actividade municipal:

AVANTAR ACTIVIDADES

PRIMEIRO: O noso concello atópase nunha situación aínda máis precaria do que pensabamos, sen unha estrutura político-administrativa organizada que optimice o traballo e os recursos ao tempo que dea servizo ás veciñas e aos veciños; con unha débeda insostible baseada nun contrato asinado polo propio concello anos atrás, que estrangula por completo o futuro da institución e coa ausencia completa dun proxecto global para o San Amaro que procure o desenvolvemento social, económico e cultural do noso municipio.

SEGUNDO: Malia as dificultades vividas na nosa curta experiencia política, algo xa conseguimos. Neste mandato tan accidentado, no que mesmo tivemos que sufrir unha operación de transfuguismo, a irrupción de Xuntos por San Amaro fixo cambiar as axendas de todos os grupos políticos do concello. Mellorouse a limpeza, a comunicación ou o transporte e xa se albisca a posibilidade de mellora en todos os servizos básicos. Pouco a ver coa situación até hai 3 anos dun concello -co mesmo Partido Popular de hoxe no goberno- que perdía poboación, incrementaba a débeda e non era quen nin sequera de manter limpas as beiras das estradas nin sequera as súas propiedades. Queda moito por facer, pero algo tivo que ver neste avance a iniciativa veciñal vehiculizada a través de Xuntos.

TERCEIRO: O noso proxecto -creado desde e para a localidade amarense- segue xerando adhesións e gana de traballar por parte das veciñas e dos veciños do concello, fructificando na constitución dun partido político cuxa fundación está asinada polo 1% da poboación do seu ámbito de actuación.

O partido

Conforme ao Artigo 1 dos seus Estatuto, Xuntos por San Amaro “é un movemento político e social que se conforma nunha organización, política e xurídicamente soberana, cuxo obxectivo é o de contribuír á mellora social, económica e cultural do concello ourensán do San Amaro desde unha óptica social e democrática. Esta organización fundaméntase nos principios de solidariedade, equidade e xustiza.”

Constitúese así o primeiro partido da Historia fundado no concello amarense e -sen ter iniciado aínda campaña de adscripción- xa é na actualidade o partido con máis afiliadas/os no concello do San Amaro.

Inscrito con data 30 de agosto de 2022 no Tomo IX, folio 1.481 do Libro de Inscripcións do Rexistro de partidos Políticos, Xuntos por San Amaro constitúese “para contribuír democráticamente á determinación na política municipal e á formación da vontade política das cidadás e dos cidadáns, amais de promover a súa participación nas institucións ao través da presentación e apoio de candidatas/os nas correspondentes eleccións, con arranxo aos seguintes fins específicos:
Desenvolvemento integral do concello do San Amaro e da súa bisbarra, priorizando o asentamento poboacional e traballando por evitar o envellecemento demográfico deste concello.
Deseñar e desenvolver dentro do posible plans de dinamización económicos, co obxectivo de xerar riqueza na contorna e fixar a poboación no concello do San Amaro.
Deseñar e desenvolver plans de dinamización socio-cultural que cubran as demandas da poboación e oferezan unha programación lúdica, formativa e divulgativa de calidade.
Potenciar a autoestima veciñal ao través da identidade colectiva, coñecendo e recoñecendo a idiosincrasia histórica e cultural do seu concello e bisbarra.

Cremos no San Amaro. Cremos nas súas potencialidades e cremos que deberiamos (e poderiamos) ser un concello máis próspero e con mellores condicións de vida para as veciñas e os veciños. Comeza a andaina -pois- do primeiro partido político do San Amaro.