A Xunta recupera o retablo do século XIX da igrexa de Santa María de Macendo en Castrelo do Miño

IES CHAMOSO LAMAS

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visita o resultado da obra

  • Os traballos impulsados polo Goberno galego centráronse en reparar os danos estruturais e en recuperar a policromía nas zonas máis deterioradas
  • O responsable autonómico de Cultura salienta o esforzo do seu departamento para garantir “o mellor futuro ao noso pasado máis singular”
  • Froito deste compromiso, a Xunta de Galicia incrementará o vindeiro ano a partida destinada á conservación, restauración, investigación e divulgación nun 14%

Castrelo de Miño (Ourense), 1 de novembro de 2022.- O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou hoxe na presentación á veciñanza dos traballos impulsados polo Goberno galego no retablo maior e as súas imaxes da igrexa de Santa María de Macendo, no concello ourensán de Castrelo de Miño. Tras este acto celebrouse unha misa presidida polo bispo de Ourense, Leonardo Lemos.

OZOCOgz Deseño Galego

Tal e como explicou o responsable autonómico de Cultura durante a visita, a actuación que ven de rematar o seu departamento permitiu blindar a estrutura do retablo e recuperar a policromía naquelas zonas que estaban máis deterioradas, especialmente no espazo central. “Ao comezo dos traballos os técnicos detectaron que o elemento máis deteriorado era a estrutura polo que se centraron en recuperala e evitar así o risco de colapso”, afirmou.

Así, Román Rodríguez celebrou que a intervención levada a cabo permita garantir “o mellor futuro ao noso pasado máis singular” e dar unha segunda vida a este retablo do século XIX situado nun dos bens patrimoniais máis singulares do concello de Castrelo de Miño e incluído no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia. “Un dos principais símbolos patrimoniais deste concello é precisamente esta igrexa que todos temos a obriga de conservar e manter e da que os veciños se senten tremendamente orgullosos”, salientou.

Froito deste compromiso co patrimonio, a Xunta incrementará o vindeiro ano a partida destinada á conservación, restauración, investigación e divulgación nun 14%. “Os orzamentos de 2023 son unhas contas comprometidas cunha das maiores riquezas dos galegos e farán posible que manteñamos firme a nosa obriga de coidar e preservar este gran legado”, destacou o conselleiro.

En concreto, as obras que contaron cun investimento de case 70.000€ consistiron na revisión, limpeza e fixación da policromía, dos elementos decorativos da zona do ático e do soporte. Así mesmo, modificouse tanto o cabreado que vai desde a zona da sancristía ao interior da fornela da Virxe como o que atravesa o marco do panel da porta esquerda de acceso á sancristía ata o chan, posibilitando a apertura da mesma e reforzouse a estrutura. Tamén se levou a cabo unha desinsectación curativa e preventiva e instaláronse tres novos focos led para a iluminación do conxunto do retablo e da fornela central.

O proxecto completouse coa eliminación de elementos alleos á obra, coa restauración das imaxes e coa reintegración cromática naquelas zonas do retablo na que o paso do tempo e o deterioro provocara lagoas na policromía.