A Xunta declara de utilidade pública o polígono agroforestal de Barzamedelle, en Leiro

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe seis decretos da Consellería do Medio Rural polos que se declaran de utilidade pública e de interese social seis polígonos agroforestais, un deles o de Barzamedelle (Leiro). Elévase así a oito o número de polígonos de iniciativa pública declarados na nosa comunidade.

Unha vez publicada esta declaración, iniciarase a redacción do proxecto básico de cada un dos polígonos. Seguidamente, iniciarase a investigación da titularidade das fincas e os traballos de reestruturación da propiedade nas distintas áreas, de seren necesarios.

AVANTAR ACTIVIDADES

No polígono de Barzamedelle (Leiro), recuperarase unha superficie de 145,6 hectáreas distribuídas nunhas 183 parcelas de 113 propietarios e establécense como usos ou actividades principais os cultivos leñosos, de ciclo curto e sistemas agroforestais (sistemas de aproveitamento mixto fundamentalmente gandeiro e forestal -frondosas caducifolias- e, nalgún caso, algún tipo de cultivo agrícola complementario para o aproveitamento gandeiro e compatible cos outros dous).