A directiva da Asociación de Gaiteiros do Irixo, representación legal da agrupación, comunicaba o pasado 18 de xuño o peche da escola por impago ao profesorado por parte do Concello de O Irixo. Despois de 5 meses de incerteza sobre o futuro da banda de gaitas e a viabilidade da escola tras os conflictos co Concello, os membros da asociación anuncian que se retoma a actividade didáctica ao contar cun novo convenio de colaboración co Concello, vixente durante o curso 2022-2023. Este convenio implica obrigas por ambas partes firmantes, co obxectivo de asegurar a aportación da cuantía económica de 9000€ por parte do Concello como subvención nominativa, e a realización de tres actuacións de forma gratuíta pola banda de gaitas, como compensación pola labor do Concello. Este mesmo, acepta a cesión e mantemento do local social onde se imparten as clases, así como o pago dos gastos asociados para o benestar do alumnado.
Sen embargo, non todo son boas noticias. Cabe destacar que o profesorado segue sen ter unha proposta por parte do Concello para a recuperación da débeda de anos anteriores, que suma 6000€ de clases impartidas, mais gastos de material.
Con esta visión de futuro, profesores, alumn@s, pais e nais, comprométense a seguir traballando, a seguir aprendendo e mellorando, e invitan a todo aquel que queira unirse ao seu equipo. Abren un novo prazo de matrícula dende o sábado 26 de novembro, para todos os interesados maiores de 3 anos. A escola impartirá clases todos os sábados, de 10:00 a 13:30 no local social contiguo ás instalacións do grupo escolar CEIP Virxe da Pena da Sela de O Irixo e ofrecen información adicional por redes sociais como Facebook e Instagram.