Este sábado 3 de decembro a Asociación Arteficial de Ribadavia organiza o seu magosto

A Asociación Arteficial organiza este peculiar formato de magosto que se sae do común ao ter lugar a principios de decembro e non nas dúas primeiras semanas do mes de novembro como marca a tradición. O “Malgosto” é según o colectivo Arteficial “o magosto que sae mal”. Despois da imposibilidade para atopar unha data libre na que celebrar o seu propio magosto sen contraprogramar con outros eventos da histórica vila de Ribadavia, decidiron finalmente celebrar a súa propia festa o próximo 3 de decembro, que dará comezo a partir das 18:00h na Igrexa da Madalena, situada no corazón do casco histórico da capital do Ribeiro. O Malgosto será unha foliada na que non faltará
a música tradicional en directo, pinchada de DJ, rifa, bebidas e chourizos a prezos populares, ademais doutras moitas sorpresas.

Durante o evento tamén haberá un obradoiro infantil de creación de xogos con material reciclado, no que poderá participar a cativada con idades comprendidas entre 5 e 8 anos. Para inscribirse nesta actividade, a organización do evento ten habilitado un formulario nas súas redes sociais: Festival Arteficial.

AVANTAR ACTIVIDADES

A Asociación Arteficial tamén quere aproveitar esta oportunidade para coñecer a opinión da veciñanza do casco histórico sobre as necesidades e suxerencias para a organización da próxima edición do Festival Arteficial, o evento estrela que esta mesma asociación organiza cada ano o mes de setembro no casco histórico da vila e que xa vai pola súa 16ª edición. Desde a Asociación Arteficial, ven moi importante establecer lazos de comunicación coas persoas que viven no barrio onde teñen a gran sorte de poder organizar e desfrutar do seu festival.

Para esto, invitan a todos os veciños e veciñas residentes no conxunto histórico de Ribadavia a que acudan ao Malgosto para pasar un bo rato, divertirse e ao mesmo tempo, ter a oportunidade de escoitalos pausada e proactivamente e, desde a empatía, poñer en valor o coñecemento das comunidades co fin de potenciar a súa capacidade de acción. Con esto o que tamén perseguen desde a organización é implicar e empoderar á poboación local nunha acción cultural que en realidade lles pertence.

O Festival Arteficial leva mais de 16 anos en Ribadavia. Ao longo deste tempo, diferentes
xeracións pasaron pola asociación, enriquecéndoa a dándolle vida a vila con novas actividades e ideas. O Malgosto é unha nova proposta do equipo organizador, un grupo de xóvenes de todas as idades que desfrutan aprendendo do resto e que loitan por seguir brindando grandes momentos de felicidade.