O grupo socialista lamenta que o PP vote en contra da construción dun novo centro social en Carballeda de Avia

Marina Ortega pídelle a Política Social un novo centro que permita continuar coas actividades que viñan desenvolvendo nas instalacións destinadas á vivenda comunitaria

. A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, lamentou hoxe o voto en contra do PP a unha iniciativa parlamentaria para pedirlle á Consellería de Política Social que constrúa un novo Centro Social en Carballeda de Avia. Ortega presentou esta iniciativa na Comisión de Sanidade do Parlamento que se celebrou esta mañá.

AVANTAR ACTIVIDADES

A parlamentaria socialista pediu un novo local para continuar coas actividades destinadas á dinamización social, para fomento da autonomía dos maiores e na liña de permitir a conciliación familiar e laboral das familias, que ata o momento se viñan desenvolvendo no local destinado á vivenda comunitaria. Coa posta en marcha do proxecto de O Muíño, o Concello deixou de dispoñer dunhas instalacións onde recibir uns servizos dos que a veciñanza “non pode prescindir”.

Ortega lembrou que o pasado 3 de xuño o Concello solicitou unha xuntanza coa conselleira de Política Social para informar do seu proxecto de Centro Social, que busca establecer un espazo “acolledor, integrado na natureza e no patrimonio de Carballeda” e que promova os valores saudables, sociais e ambientais e favoreza a reactivación do Concello”.

Reclamou a discriminación positiva dos concellos do interior de Ourense, que actualmente é a provincia máis envellecida de España, e que xa ten máis pensionistas que persoas que cotizantes, abocada a unha “fórmula perversa que da medo”. Lamentou que “en lugar de poñer servizos” para darlle a volta á crise demográficas, o que fan é “deixar Ourense sen pediatras ou derivar prematuros a Vigo” na única provincia galega sen centro público para persoas con discapacidade.