A Deputación promoveu accións para dar resposta aos retos relacionados coa creación de novas solucións industriais máis competitivas

O proxecto “Nova TFE”, completado este mes, estivo centrado na investigación aplicada en relación co internet das cousas e a fabricación avanzada

Ourense, 28 de decembro de 2022.- Este mes de decembro quedou completado o proxecto “Nova TFE”, cunha serie de iniciativas promovidas pola Deputación de Ourense para dar resposta aos retos relacionados ca necesidade de creación de novas solucións industriais máis competitivas, ante a crecente competencia internacional. Este proxecto está cofinanciado ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa INTERREG V A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, cun orzamento de 1.017.166,00 €.

AVANTAR ACTIVIDADES

O proxecto “Nova TFE” centrouse na investigación aplicada relacionada co internet das cousas -especialmente a “smart city”- e a fabricación avanzada. O obxectivo desta iniciativa é dar resposta aos retos relacionados ca necesidade de creación de novas solucións industriais máis competitivas, ante a crecente competencia internacional. Todo elo, co uso eficiente de recursos e materias primas e a produción sostible. Neste proxecto participou, xunto á Deputación de Ourense, a  Mancomunidade do Salnés, a Dirección Xeral da Administración Local da Xunta de Galicia, a Universidade de Vigo e a Cámara Municipal de Valença.

A Deputación de Ourense, como beneficiaria, levou a cabo unha serie de accións ao longo deste ano, rematando o proxecto coa colocación de sensórica en nove casas consistoriais da provincia: O Carballiño, Cartelle, Leiro, Muíños, Oímbra, Pereiro de Aguiar, A Rúa, A Teixeira e Xinzo de Limia.

Esta sensórica consiste en distintos sensores que medirán variables como a presenza -control de acceso-, temperatura e humidade, calidade do aire, contaminación acústica, consumo enerxético e tensión da rede, proporcionando unha serie de indicadores co obxectivo de optimizar e facer un uso eficiente dos recursos enerxéticos, xerando un menor impacto ambiental. Os datos recollidos intégranse co sistema instalado no Pazo Provincial da Deputación de Ourense e na Escola Superior de Enxeñería Informática da Universidade de Vigo.

Ademais, dentro das actividades realizadas pola Deputación de Ourense, destacan tamén:

.Laboratorio de Experimentación e Prototipado TFE, o cal nace do convenio firmado entre a Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo para crear dito laboratorio na Escola Superior de Enxeñería Informática (ESEI) do Campus de Ourense. O laboratorio permitirá experimentar novas solucións e validalas, compartir experiencias e transmitir coñecemento e contará con equipamento básico FABLAB para encarar retos vinculados á robótica e á factoría 4.0. O obxectivo desta iniciativa é ofrecer tecnoloxías facilitadoras a alumnado, profesorado, pemes e emprendedores para o desenvolvemento real das súas ideas. Conta, entre outros equipamentos, cunha impresora industrial de alta capacidade, unidades de estación de traballo que permiten principalmente procesar algoritmos de intelixencia, cámaras específicas de visión tanto industrial, como de planta ou varios kits educativos para simulación do que sería unha fábrica intelixente. 

.Instalación no Pazo Provincial de distintos equipamentos para a medición de variables co fin de ofrecer un laboratorio vivinte (Living Lab) con medidas de sensores e actuacións sobre diversos equipos, pensados para as propias pemes como lugares de validación e centros demostradores de cara a convencer a potenciais socios financeiros e clientes. Os sensores que se instalaron medirán variables como a presenza (control de acceso), temperatura e humidade, calidade do aire, contaminación acústica, consumo enerxético e consumo de auga, proporcionando unha serie de indicadores co obxectivo de optimizar e facer un uso eficiente dos recursos enerxéticos, xerando un menor impacto ambiental.

.Demo Days TFE, unha actividade ca que se pretendeu impulsar ou acelerar un proxecto empresarial, levando os emprendedores a cabo unha presentación das súas propostas, iniciativas ou avances da súa compañía ante un público de interese para eles, proveniente de diversos ámbitos. Acudiron medio centenar de persoas que foron testemuñas da exposición de proxectos por parte de 6 empresas de tan variados ámbitos como a aeronáutica, arqueoloxía, ou impresións 3D. Destacaron representantes do sector empresarial, así como da comunidade universitaria, xerando grandes sinerxias e colaboracións.