Espazo Común constitúe o comité electoral do Carballiño de cara ás eleccións do 28 de maio

22 persoas representantes da práctica totalidade de barrios e parroquias e de moitos dos sectores do tecido social comezan a traballar para proxectar O Carballiño do futuro.

Recoller as demandas dos cidadáns e trazar un plan para voltar a facer do noso pobo unha referencia a nivel galego e un bo lugar para vivir, son os primeiros obxectivos.

AVANTAR ACTIVIDADES

                                O Carballiño, 18 de xaneiro de 2023.

Na tarde de onte tivo lugar, na sede de Espazo Común do Carballiño, a primeira toma de contacto do grupo de homes e mulleres que constiúen inicialmente o Comité Electoral do noso partido co fin de traballar arreo de cara ás eleccións municipais a celebrar o vindeiro 28 de maio.

22 persoas representantes da práctica totalidade de barrios e parroquias e de moitos dos sectores do tecido social local, unidas na intención de comezar a sentar as bases para proxectar O Carballiño do futuro.

A presenza de xente de tódolos recunchos da nosa xeografía garante que ningunha aldea nin rúa vai quedar excluída nas nosas propostas e plan de acción.

Por outra banda, ao integrar a membros do tecido comercial, do tecido industrial, dos movementos veciñais, dos eidos do deporte, da cultura, especialistas en política social, profesionais da sanidade, etc.. temos por seguro que vai ser moito máis eficaz o funcionamento dun grupo de cidadáns que só procuran que a nosa vila non esmoreza e recupere o esplendor doutros tempos.

Por suposto, este grupo de traballo está aberto a novas incorporacións en datas próximas e a tódalas suxerencias e aportacións que calquer persoa con interese por loitar polo Carballiño poida facer.