A Xunta e o concello de Arnoia inauguran un novo parque público no Outeiro da Cruz

A Xunta e o Concello da Arnoia destinaron preto de 330.000 euros á urbanización dun novo parque público no lugar de Outeiro Cruz, segundo explicou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, nunha visita á actuación realizada.

Logo de salientar que o obxectivo desta iniciativa foi o de habilitar unha nova área de ocio e descanso para os veciños e facilitar o acceso a unha zona moi transitada, a conselleira, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, subliñou que o Goberno galego financiou o 70% da actuación mentres que o Concello achegou o 30% restante.

AVANTAR ACTIVIDADES

O novo parque ocupa unha parcela situada entre o adro da igrexa parroquial de San Salvador, o tanatorio, a estrada OU-402 e o centro de día, polo que se trata dunha zona moi visitada pola veciñanza que conviña humanizar e mellorar co fin de mellorar o acceso a este tipo de servizos, ademais de proporcionar unha área de ocio e descanso para a veciñanza.

Para logralo, dotouse este espazo público con ramplas, novos pavimentos, axardinamento, mobiliario urbano e alumeado público, traballos para os que foi necesario rozar, limpar e nivelar os terreos, ampliar a rampla que dá acceso ao centro de día e colocar pasamáns de aceiro inoxidable nas sendas peonís.

Estas obras acometeranse ao abeiro do plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010, co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza.

Desde entón, mobilizáronse ao redor de 165 millóns de euros para o financiamento de 416 iniciativas urbanísticas en decenas de concellos galegos co obxectivo de habilitar ou recuperar equipamentos públicos e poñer en valor as súas contornas urbanas. De feito, só na provincia de Ourense foron comprometidas ou executadas desde entón ao abeiro deste programa un total de 168 actuacións.

A Xunta destinará 8,6 millóns de euros o vindeiro ano a seguir apoiando os concellos na execución deste tipo de obras, un 23% máis que o orzamento destinado a tal fin en 2022.