O PSOE de Castrelo denuncia ante a Fiscalía os empadroamentos “masivos” no censo

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O PSdeG-PSOE de Castrelo de Miño denuncia ante a fiscalía provincial de Ourense os empadroamentos “masivos” levados a cabo polo Partido Popular no municipio. Os e as socialistas veñen de presentar un escrito no que piden a fiscalía que se admita o mesmo, coa documentación que se acompaña, e que se acorde a incoación das dilixencias de investigación que se estimen convenientes a fin de depurar as responsabilidades penais cometidas polos membros da xunta de goberno local do Concello.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Dende o Grupo Municipal Socialista explican que no escrito presentado ante a fiscalía, en relación a altas no padrón municipal realizadas nos dous derradeiros meses, fixéronse eco de “numerosas irregularidades”. Neste senso, dende o PSOE de Castrelo trasladaron a este órgano de relevancia constitucional os empadroamentos “masivos” en casas “pechadas e inhabitables” dos concelleiros de goberno e do tránsfuga, así como en vivendas de familiares directos dos mesmos, que “non dispoñen de autorización do propietario, nin contrato de aluguer ou recibo que o xustifique”.

Da mesma forma, o PSdeG-PSOE tamén pon o foco nos empadroamentos de persoas que non residen no Concello un mínimo de 180 días, “tal e como está establecido legalmente”, os empadroamentos de “varias persoas sen relación entre elas nunha mesma vivenda”, os empadroamentos “con autorizacións de persoas que non son propietarias da vivenda que en teoría se ocupa”, e os empadroamentos “sen autorización de algún titular ou propietario das vivendas”.

A voceira do PSdeG-PSOE en Castrelo de Miño, Catalina González Álvarez, subliña que “estamos ante uns feitos extremadamente graves, polo que agardamos que a fiscalía tome nota do noso escrito para proceder a investigar estas irregularidades no padrón do noso municipio”. A edil socialista considera que “estamos falando de empadroamentos en casas que non están habitadas, que se atopan pechadas a cal e canto, tal e como puidemos comprobar en varias ocasións” e fai fincapé en que “as 14 persoas empadroadas en dúas casas de Covelas, non teñen ningún tipo de relación entre si”.

González Álvarez afirma tamén que “imos chegar ata o final para que se investiguen estes empadroamentos masivos e se depuren as responsabilidades políticas daqueles que participaron neste falseamento do padrón municipal”. A voceira do PSdeG-PSOE en Castrelo considera que “esta desvirtuación do censo electoral é unha perversión democrática que só busca un fin, captar votantes para o PP entre familiares e amigos dos membros do grupo de goberno, e non o imos a permitir, xa que se trata de xente que non vive nin reside, nin o vai facer no noso municipio”.

O INE aprecia indicios dun “incremento superior ao que cabería esperar”

O PSdeG-PSOE de Castrelo de Miño tamén vén de recibir resposta do Instituto Nacional de Estatística, trala denuncia presentada polos socialistas a pasada semana ante estes empadroamentos “masivos”. Na contestación do INE destacan que “ao analizar a evolución do número de electores nacionais residentes no municipio de Castrelo de Miño, referidos ao Censo Electoral pechado a 1 de decembro de 2022, cos programas informáticos utilizados a nivel nacional, obtivéronse indicios dun incremento superior ao que cabería esperar da evolución experimentada nos meses anteriores, polo que con data 12 de xaneiro requiríronse informes explicativos deste concello”.

“Na resposta emitida polo INE, tamén se nos da conta que non obtiveron resposta á devandita petición por parte do Concello, polo que se reiterou a solicitude de información”, explica a voceira socialista en Castrelo de Miño. Ante esta situación, Catalina González esíxelle ao alcalde do Partido Popular, Avelino Pazos, que “non interfira nas peticións de información e que proceda coa maior brevidade posible a facilitar toda a documentación requirida”, xa que tal e como apunta “se tanto pregoa nos medios de comunicación que todo é legal, por que non fai chegar a documentación o INE?”.