O BNG solicitará o próximo venres en Pleno, a convocatoria da Comisión de seguimento do convenio asinado de chegada e integración do AVE na cidade co obxecto de corrixir as eivas do proxecto actual

Desde a formación nacionalista inciden na necesidade de que a praia de vías discorra xunto á rúa río Arnoia e que as mercadorías sexan trasladadas ao Polígono de San Cibrao tal e como reclaman os empresarios co que se liberarían na estación da Ponte ao redor de 100.000 m2

Ourense, 25 de febreiro de 2023. Recentemente veñen de publicarse no BOE sendos anuncios sobre expropiacións necesarias para a execución do “proxecto de construción da nova estación intermodal de Ourense, cubrimento da praia de vías, estrutura e urbanización. Línea de Alta Velocidade Madrid – Galiza” na estación de ferrocarril de Ourense e que fan referencia ao cubrimento parcial de praia de vías, na zona próxima a Avda de Santiago, a urbanización e á nova Estación Intermodal e a pasarela sobre a citada praia de vías.

AVANTAR ACTIVIDADES

Segundo afirma o BNG na exposición de motivos da súa moción, ningunha destas actuacións inclúe a reforma da praia de vías xa que, o que se contempla é a construción de vías para a Alta Velocidade, ao norte das actuais vías de servizo de viaxeiros e que se manterán nas proximidades do edificio actual.

Esta disposición, sinalan fontes nacionalistas, deixa un amplo espazo, ao redor duns 50.000 m2, entre as vías de Alta Velocidade e o muro de peche da estación ao longo da rúa Río Arnoia. O espazo está ocupado por antigas vías e barracóns abandonados e nun estado de degradación moi elevado, nos que se desenvolven algúns negocios particulares, incluíndo dous silos de descarga de cemento, con escaso uso, xusto á beira das plataformas das vías polas que circularán os trens de Alta Velocidade cando cheguen á estación as vías da variante Taboadela-Ourense, actualmente en construción.

O primitivo proxecto da estación de Ourense, contemplaba a instalación das vías de Alta Velocidade tamén ao norte, pero situándoas máis próximas á rúa Río Arnoia, aproveitando a superficie que seguen ocupando os barracóns e as inútiles vías de mercadorías, as cales non chegan a xestionar nin un vagón de carga ao día. Aquela disposición permitía establecer vías de comunicación, nomeadamente para vehículos e peóns, entre a zona de Quintián, e as Avenidas de Marín e de Gómez Franqueira, sen necesidade de derrubar edificios nin ter que construír muros ao longo da Avenida de Marín.

A intención de ADIF, que licitará as obras do tramo Seixalbo-Ourense no 2º semestre deste ano 2023, é facer coincidir a reforma da praia de vías da estación, coa chegada das vías da variante, para non ter que actuar dúas veces na estrutura dos feixes de vías. Por este motivo, no BNG entenden que aínda se dispón de tempo para solicitarlle ao ADIF unha modificación da disposición de vías de Alta Velocidade e de ancho ibérico, desprazándoas cara ao norte, como estaba previsto no proxecto orixinal, afastándoas dos edificios que compoñen a estación actual e o novo que se construirá sobre o gran anden que se formou diante do actual Hall de acceso ás vías. Esta disposición é compatible coas próximas obras que se van a realizar, as anunciadas recentemente para expropiacións, e mesmo permite eliminar a pasarela á que obriga o actual deseño de planta de vías.

Por estes motivos, desde o Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense entenden urxente solicitar a convocatoria da Comisión de seguimento do Convenio asinado entre o Concello de Ourense, o Ministerio de transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, o ADIF e a Xunta de Galiza para coñecer polo miúdo o avance dos traballos máis, sobor de todo, para tentar corrixir aquelas eivas que poden condenar á cidade para sempre.