Avión crea a súa mesa interinstitucional contra a violencia de xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe no acto de constitución formal da Mesa local contra a violencia de xénero do Concello de Avión, que aproveitou para destacar o papel fundamental destes órganos, nos que se sentan as principais institucións locais, para mellorar a resposta que se brinda ás vítimas.

“En Galicia entendemos que a mellora da resposta institucional contra a violencia machista pasa necesariamente pola mellora da coordinación interinstitucional”, lembrou López Abella, quen puxo en valor a Rede galega de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero, na que se incardinan estas mesas, integrada por 218 concellos adheridos,  que traballan na prevención de violencias machistas e a detección de situacións de risco.

AVANTAR ACTIVIDADES

Segundo datos da Secretaría Xeral da Igualdade, entre 2016 e 2021, incrementáronse o número de mesas constituídas, pasando de 58 ás 88 que xa funcionan en diferentes concellos. López Abella aplaudiu o esforzo de Avión que hoxe suma un órgano máis.

As forzas e corpos de seguridade, os centros de información á muller, os centros educativos e os servizos de atención primaria son as figuras máis representadas nas Mesas, segundo os últimos datos recompilados (2021), dos que se extrae que cada vez máis representantes do ámbito xudicial participan nelas. Tamén os servizos sanitarios, incrementando a súa participación ata o 76,5% e os servizos sociais e colectivos civís están presentes no 28% das iniciativas, indicou López Abella.

Gran parte da actividade das mesas céntrase nas actuacións de atención directa ás mulleres vítimas da violencia de xénero (72,7%), de seguimento de casos (58%) e avaliación de campañas (28,4%).

Para promover a constitución de novas Mesas Locais de Coordinación Interinstitucional, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade desenvolve o Plan de formación para a constitución de mesas locais, ou para a súa dinamización nos concellos nos que xa existan, unha iniciativa que, adiantou a secretaria xeral, “se seguirá a executar posto que as Mesas se teñen consolidado como un instrumento fundamental para a mellora da coordinación interinstitucional na prevención e loita contra a violencia de xénero”.

A Consellería, anunciou López Abella, traballa tamén na actualización do Protocolo de coordinación e cooperación institucional fronte a violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia, elaborado en 2017 como unha demanda de colaboración e coordinación entre distintas áreas profesionais que traballan na loita contra a violencia de xénero (xurídica, sanitaria, social, educativa e seguridade) e que se está a axustar aos cambios lexislativos máis recentes.

“Dende a Xunta de Galicia solicitamos máis coordinación ao Estado e que se informe das novas medidas que se están a adoptar na loita contra esta problemática, é preciso avaliar ben as necesidades e acertar coas medidas,  é importante que o Estado escoite a experiencia das comunidades autónomas na loita contra a violencia de xénero e que comunique as novas medidas para que se poidan valorar”, reclamou a secretaria xeral.

A Xunta avoga por que calquera acción que se adopte no eido da violencia de xénero se faga desde a seguridade xurídica, con idóneas e co respecto ao papel das comunidades autónomas na loita contra esta lacra por ser estas as que traballan máis en contacto  directo coas vítimas.