A Xunta inicia os traballos de roza no novo polígono agroforestal de Barzamedelle, en Leiro

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O conselleiro do Medio Rural, José González, xunto co alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, supervisou esta mañá o inicio dos traballos de roza e posta a punto do novo polígono agroforestal de Barzamedelle, neste municipio ourensán, onde se retirarán unhas 60 hectáreas de mimosas, entre outras actuacións.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Así, cabe lembrar que dito polígono permitirá mobilizar 145,6 hectáreas de superficie, divididas en 183 parcelas propiedade de 113 veciños. Esta mobilización de terreos fíxose co consentimento dos propietarios, aínda que a Administración controlará -en todo momento- o acaparamento de terras con sistemas como a limitación da porcentaxe de participación dun mesmo interesado.

Ademais, esta actuación está baseada na multifuncionalidade e biodiversidade con respecto aos usos tradicionais na comarca do Ribeiro. Neste senso, segundo a súa guía produtiva, establécense como usos ou actividades principais os cultivos leñosos -como viñedo e froiteiras-, de ciclo curto e sistemas agroforestais (sistemas de aproveitamento mixto fundamentalmente gandeiro e forestal -frondosas caducifolias- e, nalgún caso, algún tipo de cultivo agrícola complementario para o aproveitamento gandeiro e compatible cos outros dous).

Así, cabe sinalar que este polígono de Barzamedelle forma parte dos 21 polígonos agroforestais en distintas fases de actuación existentes na nosa Comunidade. Estes suporán a mobilización de case 8.800 hectáreas distribuídas en algo máis de 26.400 parcelas propiedade duns 7.250 veciños.

Xunto a estes 21 polígonos agroforestais, Galicia conta tamén con 21 aldeas modelo declaradas. Polo tanto, desde que entrou en vigor a Lei de recuperación -en maio de 2021-, en Galicia estanse a mobilizar arredor de 10.000 hectáreas de superficie de boa calidade para promover a súa posta en valor, entre polígonos agroforestais, aldeas modelo e permutas de interese agrario.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------