O delegado territorial da Xunta en Ourense lembra que está aberta a convocatoria para a creación de novas casas niño

Gabriel Alén visitou esta mañá a casa niño Agarimo no concello de Montederramo

  • O delegado territorial destacou que  a Xunta habilitou preto de 900.000 euros para a creación de dez novos centros que se sumarán aos 95 xa existentes por toda a Comunidade e que o prazo de solicitudes remata o vindeiro 24 de marzo
  • Na provincia de Ourense hai un total de 46 casas niño, sendo as de Verea e Pontedeva as de máis recente creación, en 2022
  • Para o representante do Goberno galego “ esta é unha mostra da inequívoca aposta da Xunta de Galicia por que nos municipios rurais existan os mesmos recursos que nas cidades, nomeadamente no ámbito da familia e a infancia”.

Ourense, 17 de marzo de 2023.- O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá ao concello de Montederramo para visitar a casa niño Agarimo. Acompañado do alcalde, Antonio Rodríguez, Gabriel Alén lembrou que está aberta a nova convocatoria de casas niño para a creación de 50 prazas máis de conciliación no rural; un servizo –significou o delegado territorial- “que permite ofrecer atención a nenos de 0 a 3 anos, 100% gratuíta para as familias e en concellos sen escola infantil”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Gabriel Alén destacou que a Xunta habilitou preto de 900.000 euros para a creación de dez novos centros que se sumarán aos 95 xa existentes por toda a Comunidade. Deste xeito, seguirase apostando por estes recursos que nacían no ano 2016 coa intención de fomentar a igualdade de oportunidades entre territorios e entre as familias que viven nunha cidade e as que viven no rural.

Na provincia de Ourense hai un total de 46 casas niño, sendo as de Verea e Pontedeva as de máis recente creación, en 2022; o que significa – mantivo o delegado territorial- “unha mostra da inequívoca aposta da Xunta de Galicia por que nos municipios rurais existan os mesmos recursos que nas cidades, nomeadamente no ámbito da familia e a infancia”.

Gabriel Alén reiterou que o formato de casas niño “é unha gran solución para territorios rurais e con pouca poboación que, polas súas características, non teñen suficiente demanda para dispor dunha escola infantil, pero si poden ofrecer deste xeito un servizo fundamental para formar e atender os cativos nos seus primeiros anos de vida, favorecendo ademais a súa interacción social e apertura ao mundo, e permitir ao mesmo tempo que traballen os seus pais e nais”.

Por iso, o delegado territorial lembrou que Galicia segue reforzando aqueles servizos de conciliación por toda Galicia que lograron situar á nosa Comunidade como unha referencia durante os últimos anos. Mostra disto é o Bono Coidado, que ofrece un apoio para a contratación dun servizo extraordinario de conciliación e que no pasado ano beneficiou a 5.000 familias; a Tarxeta Benvida, unha axuda directa para que as familias fagan fronte aos gastos polo nacemento dun bebé; ou da gratuidade de todas as escolas infantís para todos os fillos e independentemente da titularidade do centro. Neste senso, Gabriel Alén lembrou que dende hoxe venres, ata o vindeiro 5 de abril permanece aberto o prazo de matrícula para as escolas infantís públicas autonómicas para o vindeiro curso 2023-24.