Dende a Banda de Gaitas e Danzas O Irixo, están a emprender unha nova iniciativa de recopilación, conservación e difusión do patrimonio documental relacionado coa agrupación dende os seus inicios.
Recentemente, veñen de publicar en redes sociais que o seu obxectivo é a catalogación do material audiovisual, musical e didáctico que se puido xenerar nas diversas etapas da banda de gaitas e do grupo de baile, e así deixar un arquivo para futuras xeracións. Citan textualmente a presentación do Arquivo da Real Academia Galega onde se expón que “Cada aspecto da existencia -sexa esta persoal ou institucional- deixa un rastro, e, se ese rastro se borra ou se perde, os actos quedarán só na lembranza, no recordo, ata a súa perda definitiva”.
Deste xeito, fan un chamamento a todos aqueles que conten con vídeos, fotos, partituras ou calquer outro tipo de material e documentación, para que se poñan en contacto con eles por redes sociais ou presencialmente no local de ensaio, onde se reúnen todos os sábados pola mañá, nas instalacións anexas ao CEIP Virxe da Pena da Sela.
Agradecen a difusión desta petición e a colaboración de todos os que queiran contribuir á recuperación da historia e da cultura desta agrupación.