Nun emotivo acto que contou coa presencia de Pachi Vázquez, anunciou unha ambiciosa serie de proxectos que contempla para mellorar a vida dos seus concidadáns.
Na tarde do pasado venres tivo lugar a presentación de Ana María Rodríguez Blanco como candidata á alcaldía de Maceda por Espazo Común nos comicios do vindeiro 28 de maio.
Foi un acto cheo de emoción e de mensaxes de agradecemento aos moitos compañeiros e compañeiras que ata alí se achegaron para seguir apoiando a unha muller que leva traballado tanto e durante tanto tempo ao servizo dos seus veciños.
Estivo acompañada tamén por Pachi Vázquez, presidente do partido, quen na súa intervención ensalzou a integridade da candidata e o innegable éxito da súa aportación ao goberno municipal.
Rodríguez Blanco enumerou moitas das tarefas acometidas nestes últimos catro anos nos que asumiu a responsabilidade de xestionar as áreas de Medio Ambiente e Servizos Sociais. Destacou o pulo dado ao servizo de axuda no fogar e ao de conciliación entre outras moitas tarefas acometidas. Tamén incidiu na evidente mellora da limpeza en todo o Concello.
A candidata agradeceu o apoio da veciñanza para acadar todos estes logros e comprometeuse a seguir por ese mesmo camiño, o do diálogo, o esforzo e o cariño por Maceda.
Tamén quixo amosar a súa gratitude ao amplo e xeneroso equipo humano que a acompaña de quenes destacou o seu apoio nos momentos difíciles e a sensación de sentirse coma nunha familia.