A formación de Espazo Común do Carballiño rexistrou unha moción para o seu debate no próximo pleno na que piden a elaboración dun Plan de Conciliación Gratuíto que conte ca participación de todo o tecido social e educativo. O texto da moción é o seguinte:
“A pesares dos continuados intentos por disfrazar a realidade con anuncios ficticios e mesturar cifras co único obxectivo de confundir á poboación, o certo é que O Carballiño padece unha caída moi acusada en tódolos indicadores demográficos.
Á perda de máis de 400 habitantes nos últimos dez anos, hai que engadir o evidente envellecemento da poboación cunha media de idade de 49,16 anos, 1,44 anos máis ca hai tan só cinco anos.
Isto evidencia que a xente máis nova marcha do noso pobo e que se perdeu a capacidade de atraer a parellas xoves doutros lugares para que fixeran deste o seu punto de residencia.
Facendo unha análise un chisco máis profunda dos datos, non fai falla ser un experto para saber que de non ser pola inxente cantidade de poboación chegada do estranxeiro, as cifras do Carballiño serían aínda máis aterradoras.
Outro dato siginificativo é o do crecemento vexetativo, moito máis ca negativo nestes últimos anos: cun dato de -156 en 2021. Esta é a diferencia entre falecementos e nacementos nese ano, dinámica que non se revertiu en absoluto posteriormente.
Namentres todo isto está a acontecer, as medidas tomadas polo goberno municipal ascenden a cero.
A pesares dos acordos e das propostas feitas pola oposición, nin campaña de captación de novos empadroados, nin medidas correctoras algunhas, nin nada de nada.
Entendemos que hai dináimcas certamente difíciles de afrontar pero sen embargo, hai outras que se ven dende lonxe e que se poderían ter resolto.
Un dos exemplos máis evidentes é o da perda de habitantes pola masiva escolarización de nenos que viven no Carballiño noutros colexios da comarca.
E por qué unha familia que vive aquí decide matricular aos seus nenos a 10 ou 12 quilómetros?
Pois a resposta é moi evidente e ata os alumnos de infantil a coñecen: porque o resto de concellos ofrecen, de xeito gratuito, servizos de conciliación moito máis completos que o que ofrece a teórica capital da comarca, a maiores de axudas diversas para material escolar e similares.
Nun mundo no que, na maioría dos fogares, traballan ambos conxuxes, iste é un factor decisivo. É un dos servizos máis básicos que se teñen que prestar para facerlle a vida mellor aos cidadáns.
Cómpre polo tanto elaborar un novo Plan Municipal de Conciliación Gratuita que teña en conta os horarios dos diferentes colexios; que contemple a situación laboral da meirande parte das familias, con xornadas partidas; que inclúa todo o ano e non só as épocas lectivas…
Para facelo de xeito óptimo, o desexable sería dar participación na súa confección a toda a comunidade educativa por ser os que mellor coñecen as necesidades que poida satisfacer esta institución.
Visto todo o anteriormente comentado,
SOLICITAMOS
- Que o Concello do Carballiño comece de xeito inmediato a elaboración dun Plan Municipal de Conciliación Gratuita en cuxa elaboración participe toda a comunidade educativa: centros, ANPAS, asociacións..“