A Plataforma Sur Da Dorsal Galega organiza o evento que terá lugar o sábado 15 de abril na Laxe, Fornelos de Montes
-A iniciativa quere dar a coñecer o rico patrimonio natural e etnográfico do Suído e mostrar a oposición á depredación eólica
-Su Garrido, Antilia, Tino Baz, Tonhito de Poi, Anxo Angueira, Miriam Ferradáns, Silvia Penas ou Ana Fernéndez participarán no programa
Fornelos de Montes, 7 de abril de 2023.- Música, poesía, un roteiro e un coloquio son algúns dos ingredientes do I Festival do Suído que terá lugar ao longo do día 15 de abril na Laxe, Fornelos de Montes. A Plataforma Sur da Dorsal Galega promove esta iniciativa que ten como obxectivos dar a coñecer os valores naturais e culturais do Suído e mostrar a oposición a instalación de megapolígonos eólicos, entre eles o máis inminente o Carballoso, nesta serra de extraordinaria riqueza paisaxística, arquitectónica e ecolóxica.
Carme Carreiro, Xavier Oitavén e José de la Riera, representantes da Plataforma Sur da Dorsal Galega, presentaron o programa do I Festival do Suído que se prolongará ao longo de todo o día e incluirá actuacións artísticas e un achegamento aos valores do Suído cun roteiro guiado por especialistas e un coloquio posterior.
O programa iniciarase ás 11:00 co roteiro que incluirá no seu percorrido elementos característicos do Suído, desde construcións en pedra seca até elementos naturais de especial valor, conducido por persoas que coñecen ben o territorio. A partir das 15.30 iniciarase o programa artístico coa participación de poetas como Silvia Penas, Miriam Ferradáns, Anxo Angueira e Ana Fernández. Despois de rematar recital terá lugar o coloquio que incluirá a participación de especialistas na riqueza natural e patrimonial do Suído como son Xosé Lois Vilar, Xosé Prendes, Xulio Eiroa e Adela Figueiroa.
Rematado o coloquio darase paso ás actuacións musicais de Su Garrido, Tino Baz, Antilia e Tonhito de Poi que pecharán o festival.
“Con este programa queremos dar a coñecer a riqueza do Suído e, para iso, consideramos que a música e a poesía son unha boa ferramenta, en especial, da man de persoas que están comprometidas tamén cos nosos obxectivos de defensa da terra fronte esa ameaza que temos sobre as nosas cabezas que é o parque Carballoso”, sinala Carme Carreiro que destaca a xenerosidade de todas as persoas que participan no festival, tanto na parte artística como na organizativa. Ademais, no festival haberá varios postos de comida,que inclúen, entre outras cousas, polbo e hamburguesas de carne do Suído e as persoas asistentes poderán levar a súa comida para permanecer durante todo o día ná área recreativa en que se desenvolverá boa parte do programa.
Un festival singular para un monte único
O encontro desenvolverase na área Recreativa da Airoa, na parroquia da Laxe, concello de Fornelos de Montes, un dos enclaves de entrada da Serra do Suído, paraíso natural -que é o lema da parroquia- e territorio que suma valores de especial interese, desde os foxos do lobo ou os chozos construídos en pedra seca -unha técnica arquitectónica declarada Patrimonio Universal pola Unesco cunha pegada intensa neste monte-, pasando polas especies de fauna en perigo de desaparición até as turbeiras, verdadeiros depósitos de auga dun territorio que presume de dar de beber a Vigo, poñendo en valor tamén ese ben tan preciado do que o Suído é xeneroso: a auga.
“Quixemos facer un festival singular como único é o monte Suído”, sinala Xavier Oitavén, integrante tamén da plataforma que confía que con esta iniciativa “podamos dar a coñecer os valores que explican a nosa oposición á invasión eólica, mostrar a riqueza deste monte que dá auga a Vigo, un patrimonio único e pouco coñecido que temos que defender porque está en xogo o futuro dun ben preciado para esta terra, un monte que é a nosa riqueza e tamén a nosa memoria”. Entre outras cousas, no festival insistirase na demanda de que o valor natural e cultural do Suído sexa recoñecido e protexido e que forme parte da Rede Natura ademais de ser declarado Paisaxe Cultural e Parque Natural.
Para o investigador José de la Riera, a “Serra do Suído, o noso “Pirineo Atlántico”, cun patrimonio material e inmaterial único e tan importante como a maior das catedráis. Un legado da historia que é responsabilidade e obriga pasar a futuras xeracións. Un agasallo dos nosos devanceiros que non está en venta, nin en mercado algún, é patrimonio común do pobo galego”
#SonSuido
O Festival é a primeira dunha serie de actividades que a Plataforma promove para dar a coñecer o Suído e sumar apoios na súa defensa. Entre outras iniciativas, están a desenvolver unha campaña en redes sociais con imaxes e vídeos de persoas que se animan a sumarse co cancelo #SonSuido. “Con ese son quixemos recoñecer a nosa pertenza ao Suido, o son do vento que zoa forte nestes montes pero non para explotalos e a música que é unha das protagonistas deste festival”, explican.
A Plataforma alerta dos perigos que ameazan ao monte, de maneira especial, o parque eólico Carballoso que se instalaría entre A Lama, Fornelos e Avión e prevé estar composto por dez aeroxeneradores de grande dimensión que producirían 51MW de potencia e que conta co visto bo do Ministerio de Transición Ecolóxica. Carballoso é a ameaza inminente pero están previstos 9 parques máis ao longo de toda a dorsal que suporían un total de case 200 aeroxeneradores e converterían un espazo natural único nun polígono industrial.
A Plataforma defende que este atentado ecolóxico sería “un golpe mortal para algunhas das especies animais vulnerábeis que se atopan na zona e afectaría ás turbeira e brañas que son elementos de especial protección e a áreas de grande interese paisaxístico recoñecido oficialmente entre outros moitos tesouros deste territorio que é un catálogo de bens a protexer”. En 2011 estaba previsto a inclusión do territorio na Rede Natura e o proceso foi precisamente aparcado por “intereses políticos para beneficiar o espolio eólico”, denuncian.
A Serra do Suído conta cuha extensións dunhas 25.000 hectáreas que comparten os concellos da Lama, Covelo e Fornelos de Montes (provincia de Pontevedra) e Avión e Beariz (Ourense). Mámoas e petróglifos que nos falan da historia deste territorio peneiran todo o monte en que, posteriormente, se foron construíndo elementos relacionados coa produción gandeira como son os chozos, cortellos, os foxos do lobo ou os sequeiros. A serra asiste ao nacemento dos ríos Verdugo, Oitavén, Tea e Navia e nos seus cursos prodúcense unha importante colección de fervenzas como a tan recoñecida de Casariños, na Laxe, ao pé de onde se vai desenvolver o festival.
Redes Sociais:
https://www.facebook.com/SurDaDorsal/
https://twitter.com/surdadorsal
https://www.instagram.com/surdadorsal/