Unha colisión por alcance, con dous vehículos implicados na A-52, en Cenlle, deixou atrapada á ocupante do coche que chocou por detrás. O accidente de tráfico ocorreu ás cinco e media da tarde deste venres no punto quilométrico 242, en sentido Vigo. Nesa zona só estaba habilitado un carril nese sentido, debido a obras no vial.
A pesar do aparatoso do sinistro, non houbo feridos graves. Os bombeiros do Carballiño interviñeron para liberar á muller atrapada, que foi trasladada ao CHUO por precaución. As súas feridas non parecían revestir gravidade. O condutor do vehículo dianteiro, o que foi alcanzado, era un home de avanzada idade, pero afortunadamente saíu ileso.
Ata o lugar desprazáronse membros do GES de Ribadavia, axentes de Tráfico, sanitarios do 061 e persoal de mantemento da autovía.