A asociación Alarma na Terra de Montes anuncia unha nova xornada informativa o
DOMINGO 18 DE XUÑO ás 17 h da tarde no AUDITORIO DE CERDEDO, sobre os polígonos eólicos na comarca de Montes, nos concellos de Cerdedo, Cotobade, Forcarei e arredores (A Estrada, Campo Lameiro e Beariz) para informar en que estado se atopan e as accións que se están levando a cabo.
Nestas dúas últimas semanas publicáronse no Diario Oficial de Galicia as autorizacións de
varios proxectos eólicos que afectan á comarca de Terra de Montes. As resolucións e os acordos xa estaban asinados dende abril, pero a Xunta de Galicia esperou a que pasaran as eleccións municipais para publicalos, o que valoramos como algo gravísimo.
Unha das accións que se está a levar a cabo, en colaboración coa Asociación Ecoloxista
ADEGA, é unha campaña de recadación de fondos para afrontar os custes dos recursos de alzada e dos recursos contencioso-administrativos contra varios polígonos eólicos que recibiron as autorizacións de construción por parte da Xunta de Galicia: Monte Festeiros (Silleda e Forcarei), Touriñán III-2 (Campo Lameiro, A Estrada e Cuntis), As Penizas (Forcarei e Cerdedo), Portovidros (Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro) e Campo das Rosas (Cerdedo, A Estrada e Campo Lameiro) no que o acordo foi tomado polo Consello da Xunta, incluíndo a declaración de utilidade pública e permitindo así á empresa Naturgy iniciar o proceso expropiatorio.
A Asociación Alarma na Terra de Montes declara que o papel dos concellos vai ser
determinante na paralización ou avance destes proxectos e que non imos permitir ter un caso como o do Acibal na zona. Sinalamos a necesidade de implicación de toda a sociedade (agricultoras e gandeiras, xente da cultura, comercios…) para esixir a conservación dos nosos medios de vida, da calidade de vida da comarca e do benestar común, o que está en xogo é o futuro de todos.
Anunciamos tamén unha nova xeira de actividades e accións que acompañaran todo este
proceso nas que estades todos convidados a participar! Estamos a tempo de parar esta desfeita