Rosendo Fernández recibiu aos participantes do Festival IGF Caravan “José Antonio Viñas”

 O vicepresidente primeiro en funcións, Rosendo Fernández, recibiu esta mañá no Salón de Plenos do Pazo Provincial a un grupo de participantes no Festival IGF Caravan “José Antonio Viñas”, cita cultural que se celebra na provincia entre hoxe e o domingo 18 de xuño coordinada por Queixumes dos Pinos coa colaboración da Deputación. 

Esta edición do Festival IGF Caravan leva no seu nome a José Antonio Viñas (1977-2021), promotor da música tradicional na provincia de Ourense dende a presidencia de Queixumes dos Pinos ou como vicepresidente da Unión Mundial de Folclore (IGF). 

AVANTAR ACTIVIDADES

O festival reúne a grupos de música tradicional de España, Francia, Israel, Italia e Romanía en actividades que se desenvolverán nos concellos do Pereiro de Aguiar, Nogueira de Ramuín e San Cristovo de Cea.

Programa de actividades

Despois da recepción oficial desta mañá, os participantes no festival realizarán unha visita pola cidade. A partir das 19,00 horas, actuarán os grupos musicais no hotel balneario de Laias, Caldaria. Mañá, 16 de xuño, comezarán ás 11,00 horas cunha visita guiada ao Mosteiro de San Pedro de Rocas e outra ao Mosteiro de San Estevo de Ribas de Sil que rematará cun paseo en catamarán pola Ribeira Sacra.

O sábado 17 de xuño, as actividades comezarán pola tarde, a partir das 20,00 horas, co acto ecuménico no Santuario de Os Gozos. E, ás 20,45 horas, está prevista a inauguración da placa conmemorativa a José Antonio Viñas no atrio do Santuario. Para rematar a xornada, os grupos encherán de música a praza de Luíntra, en Nogueira de Ramuín. O domingo 18 de xuño, a música trasladarase a partir das 20,30 horas, ata a praza do Concello de San Cristovo de Cea.

Festival de música popular

O IGF Caravan- José Antonio Viñas é un festival de música popular, onde participan diferentes países mostrando a súa música e as súas diversas culturas. Nas súas seis edicións, organízase cada ano nun país diferente, para amosar non só a música senón tamén o patrimonio inmaterial do país organizador, así como a súa cultura gastronómica. Todos os países participantes e organizadores pertencen á Unión Mundial de Folclore (IGF), organización internacional nacida no ano 1947 e composta por máis de 40 países.