O Premio Antón Losada Diéguez homenaxeou a José Gil, pioneiro do cine galego e volveu a reivindicar a excelencia da literatura galega

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O Pazo de Moldes acolleu esta mediodía o acto de entrega dos galardóns a Manolo González, na modalidade de Investigación e ensaio, e a Moncha Fuentes, na de Creación literaria

-Francisco Fumega, alcalde do Carballiño: “Agradecemos aos gañadores o seu compromiso coa cultura galega, porque un país con cultura e un país con futuro”

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O Carballiño, 24 de xuño de 2023

O día de San Xoán, trala noite máis máxica que se vive en Galicia, tivo lugar no Pazo de Moldes (Boborás) a entrega do Premio Antón Losada Diéguez, que ten como obxectivo manter viva a memoria do fundador da Revista Nós e que chegou a súa trixésima oitava edición.

Os actos en homenaxe ao intelectual galeguista comezaron  cunha misa na igrexa de San Mamede de Moldes e unha ofrenda floral a Losada Diéguez por parte do alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e a Manuel Chamoso por parte de Carlos Rodríguez, presidente do centro de estudios Chamoso Lamas, fiel defensor do patrimonio cultural da comarca e quen dirixiu a restauración desta igrexa.

A entrega de premios levouse a cabo no Pazo de Moldes, onde residiu Antón Losada Diéguez e onde volveu a quedar de manifesto o esforzo dos concellos do Carballiño e Boborás por reivindicar a súa contribución á cultura galega. Neste senso manifestouse o alcalde carballiñés, Francisco Fumega: “Agradecemos aos gañadores o seu compromiso coa cultura galega, porque un país con cultura e un país con futuro”. O director xeral de Cultura, Anxo Manuel Lorenzo, destacou que hai poucos galardóns en Galicia que premien as modalidades de Investigación e ensaio e Creación Literaria e lembrou a todos aqueles que nas edicións anteriores recibiron este recoñecemento.

Nesta trixésima oitava edición resultaron galardoados na modalidade de Investigación e ensaio, á obra “Nos días encantados de agosto. Biografía de José Gil . Para unha historia do cinema en lingua galega” (Editorial Galaxia), de Manolo González. Trátase dun libro orixinal e novidoso que dá a coñecer a vida e obra dun artista excepcional ata agora descoñecido: o fotógrafo e cineasta José Gil.

Na modalidade de Creación Literaria concedeuse o premio a “O tradutor de sombras” (Edicións Xerais), de Moncha Fuentes. Trátase dunha novela que incita a experimentar e gozar cos cinco sentidos, unha imitación á reflexión que conmove e remove os sentimentos, nun uso extraordinario do idioma.

Manolo González asegurou que a intención da súa obra foi realizar unha monografía de José Gil, “o verdadeiro pioneiro do cine en Galicia”, honrando así a súa memoria “porque o que non se nomea non existe”. Moncha Fuentes agradeceu aos concellos do Carballiño e Boborás o seu esforzo por ao seguir convocando este premio e ao xurado polo seu “difícil traballo” e insistiu en que “a escrita en galego segue a ser un acto de resistencia”.

A alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, pechou o acto e asegurou que se seguirá traballando para recuperar a memoria e a cultura galega. O xurado subliñou a gran calidade das obras de creación presentadas nesta edición dun premio que vai camiño das catro décadas de andadura e, especialmente ao poemario de Cesáreo Sánchez Iglesias, “A árbore que dá as lágrimas de Shiva”, finalista do certame.