O Marcos Valcárcel énchese de flores coa exposición de Rosa Elvira Caamaño

“O esplendor das flores” é o título da exposición que esta tarde foi inaugurada no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense e que fai un percorrido polo traballo da artista Rosa Elvira Caamaño ao longo da última década, centrado no estudo plástico das diferentes flores que se dan en Galicia.

A deputada Luz Doporto participou na inauguración da exposición -que estará aberta ata o 20 de agosto- acompañada polo director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o director do centro cultural, Francisco González; e a propia artista. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Unha longa traxectoria profesional

Rosa Elvira Caamaño, licenciada en Belas Artes pola Universidade Complutense e durante anos profesora titular de Técnicas Pictóricas da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, chega a Ourense despois dunha longa traxectoria que levou a súa obra por todo Galicia pero tamén a Madrid, Portugal, Italia, Estados Unidos ou San Petersburgo.

A exposición, composta por 34 pezas pintadas sobre superficies tan variadas como teas, táboas ou cartón pluma, está acompañada dun catálogo no que a propia autora fai un repaso á presenza das flores no mundo da arte ao longo de toda a historia, basicamente dende o século XVI en adiante, e que culminaría en artistas como Van Gogh, Gauguin, Cézanne ou Matisse.

A depurada técnica de Rosa Elvira Caamaño invita a ver unha florida primavera, un xardín de lirios, as variñas de San Xosé ou os prezados hibiscos.