A portavoz do grupo municipal no Concello, Natalia González, denuncia que Jácome se centre máis en conseguir concesións para persoas vencelladas a el que en potenciar unha actividade cultural ampla e variada para a cidadanía
“A proposta de montar unha cafetería neste espazo é unha frikada máis do promomtor da barra libre para acabar coa cultura”, sinalou a tamén secretaria xeral do PSdeG-PSOE en Ourense
Ourense, 8 de xullo de 2023. O grupo municipal socialista amosase contrario á nova idea do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, de abrir un establecemento de hostalería dentro do Centro Cultural José Ángel Valente. “A proposta de montar unha cafetería neste espazo é unha frikada máis do promotor da barra libre para acabar coa cultura en Ourense”, sinalou a portavoz, Natalia González.
Nesta mesma liña, lembrou que se trata do segundo intento do rexedor por desvirtuar un lugar cultural de referencia na cidade e na provincia e que foi o Partido Socialista o que acadou recupéralo para a cidadanía, da man do Goberno de España, hai xa máis dunha década. “Primeiro intentou enchelo de oficinas no 2020, aínda que non o conseguiu, e agora pretende montar un bar dentro, sen respectar os usos establecidos no convenio de cesión e recuperación asinado polo Concello e o Ministerio no seu momento”, advertiu a tamén secretaria xeral do PSdeG-PSOE de Ourense.
E pese amosarse contrarios á idea do alcalde, afirman que, lamentablemente, non é unha iniciativa sorprendente tendo en conta que emprega a política e xestión do público como un medio para favorecer os seus intereses persoais. “En lugar de seguir a potenciar o desmantelamento cultural e montar espazos de hostalería para ceder a concesión a algunha persoa vencellada a el, como xa pasou coa Pajarera e pasará de xeito inmediato na praza de abastos de A Ponte, debería centrar os seus esforzos en abrir o Museo Municipal ou encher de programación de calidade, e para todos os públicos, o Auditorio”, remata a socialista.