A Xunta e o concello de Leiro colaboran nas obras de acondicionamento do entorno do Mosteiro de San Clodio

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

A Xunta de Galicia e o Concello de Leiro colaborarán no acondicionamento da praza Eladio Rodríguez, unha actuación urbanística na que se prevé que o Goberno autonómico e o local destinen máis de 122.000 euros. Así se recolle no convenio de cooperación asinado hoxe pola vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde da localidade, Francisco Fernández.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Concretamente, a praza na que se levará a cabo a actuación está situada preto do Mosteiro de San Clodio, que foi declarado monumento histórico-artístico no ano 1981. Máis polo miúdo, a obra consistirá na pavimentación das zonas oeste e centro da praza, renovando o mobiliario urbano, coa colocación de bancos e papeleiras, e tamén a zona axardinada co obxectivo de crear un espazo de alameda.

Así mesmo, entre as intervencións previstas no proxecto tamén figuran a eliminación dos contedores soterrados existentes para substituílos por outros convencionais que serán relocalizados buscando a integración coa contorna. De forma complementaria e para contribuír a humanizar o espazo, transformarase a rampla actual nunha escaleira co fin de evitar o paso de vehículos e executarase un pequeno muro de mampostería.

Cómpre lembrar que esta actuación na praza Eladio Rodríguez é a quinta comprometida no Concello de Leiro ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas.

Deste xeito, tal e como explicou Ángeles Vázquez tras a sinatura, o Goberno galego asume o compromiso de financiar o 70% do custo das obras e o concello ourensán achegará o 30% restante, un apoio económico que resulta clave para que moitos municipios poidan acometer obras de humanización que, como esta, inciden de forma moi positiva na calidade de vida da veciñanza e na habilitación de espazos públicos.