O delegado territorial da Xunta Gabriel Alén visitou en Leiro o ‘Taller insectos endémicos do Ribeiro e outras curiosidades’

Gabriel Alén destaca a aportación do programa ‘territorio cultura’ da Xunta ao tecido cultural dos núcleos rurais

AVANTAR ACTIVIDADES
  • O delegado territorial sinalou que Aldea Nova Ribeiro-Ribeira é un proxecto sociocultural de alianza entre diferentes territorios da Ribeira Sacra e do Ribeiro

que buscan deslocalizar a cultura dos núcleos urbanas para levala ao rural, mediante talleres e formacións con diferentes colectivos

  • Gabriel Alén explicou que o taller, dirixido polo biólogo David Barra e promovido polo RibeiroLandArt, achega aos nenos do concello de Leiro ao mundo dos insectos endémicos do Ribeiro e a súa relación coa viticultura tradicional
  • As axudas de Territorio Cultura nacen para ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas non urbanas, e fináncianse de xeito íntegro ao abeiro do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation UE
  • Dentro do programa Territorio Cultura, Ourense conta con dúas propostas, esta que o hoxe visitamos e o proxecto de danza Creación, investigación, redes e territorio, impulsado por A Casa Vella en Allariz, Baños de Molgas, A Bola, Vilar de Santos e Xunqueira de Ambía

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá ao concello de Leiro, e en compaña do se alcalde, Francisco Fernández, visitou o ‘Taller insectos endémicos do Ribeiro e outras curiosidades’ que se desenvolve dentro do programa Territorio Cultura da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.

O delegado territorial explicou que o taller, dirixido polo biólogo David Barra e promovido polo RibeiroLandArt, achega aos nenos do concello de Leiro ao mundo dos insectos endémicos do Ribeiro e a súa relación coa viticultura tradicional como parte do labor de Educación Ambiental que RibeiroLandArt leva a cabo este ano dentro da alianza AldeaNova Ribeiro-Ribeira.

Aldea Nova Ribeiro-Ribeira é un proxecto sociocultural de alianza entre diferentes territorios da Ribeira Sacra e do Ribeiro. Ademais de accións artísticas que buscan deslocalizar a cultura dos núcleos urbanas para levala ao rural, este proxecto tamén desenvolve talleres e formacións con diferentes colectivos como poden ser clases de bioloxía, pintura ou cerámica a menores o coidados terapéuticos nos montes das contornas con enfermos oncolóxicos.

Esta alianza ‘AldeaNova Ribeiro-Ribeira’ coa ‘Asociación Sacra Experience’ de Chantada – sinalou Gabriel Alén- une dous territorios de ribeira nos que ambos levan anos colaborando.

Algunhas das accións financiadas pola Unión Europea e apoiadas pola Xunta, o AGADIC e o Plan para a Resiliencia son as desenvolvidas por RibeiroLandArt neste territorio que van desde formación para terapeutas profesionais, talleres de LandArt, bioloxía, xeoloxía, escritura creativa, Arteterapia para pacientes inmunodeficientes ou o Roteiro de Viticultores con Arte do Ribeiro entre outras.

O programa Territorio Cultura

As axudas de Territorio Cultura nacen para ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas non urbanas, e fináncianse de xeito íntegro ao abeiro do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation UE. As condicións para optar a ditas axudas incluían desenvolverse en municipios cun máximo de 30.000 habitantes e cunha densidade inferior a 100 habitantes por quilómetro cadrado. Cada unha das entidades subvencionadas poderá beneficiarse de ata 50.000€, de xeito que se contribuirá ao financiamento de máis dunha ducia de propostas.

O importe desta segunda convocatoria ascende aos 660.986,24€, 500.584,76€ para proxectos de persoas físicas e xurídicas privadas e 160.401,48€ para concellos de ata 30.000 habitantes e entidades dependentes. No caso da 1ª categoría, o importe máximo será do 80% do proxecto, cun límite de 50.000€ por beneficiario. No segundo caso, máximo do 70% do proxecto presentado e, en todo caso, 50.000€ por entidade.

Os proxectos abranguen numerosas accións de exhibición, divulgación, formación ou concienciación social e medioambiental, dirixidas a públicos moi diversos en ámbitos como a danza, o teatro, a música, o audiovisual, a literatura, as artes plásticas, o patrimonio inmaterial ou a innovación cultural.

Todas elas responden á finalidade de Territorio Cultura no sentido de reforzar e desenvolver as capacidades do sector cultural para acadar un tecido sólido máis alá dos grandes núcleos urbanos e contribuír, deste xeito, a incrementar a actividade cultural nas contornas rurais. Ao tempo, búscase activar procesos culturais nestas zonas que afonden nos vínculos individuais e sociais co territorio, ofrecendo novas oportunidades laborais, estables e de calidade, no eido cultural.

Modalidades para empresas culturais

Ao igual que na primeira convocatoria de 2022, as axudas desta segunda quenda distribúen entre dúas modalidades unha dotación de máis de 660.000 euros ao abeiro do Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation EU.

A través da primeira delas, destinada á iniciativa privada, apóianse e dúas propostas na provincia de Ourense; esta que o hoxe visitamos e o proxecto de danza Creación, investigación, redes e territorio, impulsado por A Casa Vella en Allariz, Baños de Molgas, A Bola, Vilar de Santos e Xunqueira de Ambía.

No resto de Galicia son 9 as propostas; Territorio Novoneyra como parte da programación expandida do VIII Festival dos Eidos, que inclúe actividades literarias en seis concellos da montaña lucense; Os andares, para a realización de documentais en formato audiopaseo nos concellos dos Ancares lucenses; Laboratorio mutante para a ecoloxía dos saberes, ideado por Outonía como unha proposta participativa de innovación cultural que se despregará en oito municipios de Lugo e Ourense; Mariña inmaterial, organizado por Ouvirmos para a recollida de patrimonio inmaterial en centros de maiores de Cervo, Barreiros, Trabada,  O Valadouro e Xove cara á súa posterior difusión en diferentes formatos; e Cóntame un mundo, en localidades de oito concellos das provincias da Coruña, Lugo e Ourense, centrado tamén na recollida da tradición oral a través de foros con persoas da terceira idade e na súa transmisión ao resto de xeracións; Cinema circulante, para lle achegar o mundo audiovisual ao público dunha decena de concellos lucenses e ourensáns; Lugares vivos, cunha programación que mestura o patrimonio cultural e natural da Ribeira Sacra coa música e A gárgola no rural, espectáculo multidisciplinar de A Xanela do Maxín arredor do que se desenvolverán diferentes accións de formación, difusión cultural e exhibición na Capela, Lousame, Meis, Toques e Zas; e Xacobeo Clarinet Fest, con concertos e cursos sobre este instrumento, que tivo lugar en Lalín.