A Xunta pon en valor a festa do pemento da Arnoia á vez que ultima a estratexia da horta galega para consolidar esta produción

Na inauguración da XLIV edición desta festa participaron varios representantes do Goberno galego

  • O conselleiro do Medio Rural, José González, explicou que con esta iniciativa búscase posicionar a horta galega e afondar na rama da investigación que xa está a dar os seus froitos neste eido
  • Puxo en valor os 8,77 millóns de euros convocados recentemente pola Xunta para fomentar a agricultura de precisión e a economía circular no sector agrario

A Arnoia (Ourense), 4 de agosto de 2023.- O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, participou esta tardiña na inauguración da XLIV edición da Festa do Pemento de Arnoia -declarada de Interese Turístico Galego-. No evento estiveron tamén o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.

AVANTAR ACTIVIDADES

Neste acto, o titular de Medio Rural salientou que a Xunta está ultimando a Estratexia da horta galega co fin de consolidar a terceira produción máis importante do agro galego, entre a que estaría precisamente o produto que hoxe se enxalza. Así, con esta planificación preténdese posicionar a horta galega e, dentro deste obxectivo xeral, tamén afondar na rama da investigación. De feito, xa se están atopando variedades resistentes ás consecuencias do cambio climático e doutras afeccións, como pragas e enfermidades.

Con todo, o obxectivo final é consolidar a produción da nosa horta e avalar os seus produtos de calidade con todas as garantías. De feito, esta estratexia sumarase as xa desenvolvidas para outros sectores claves do noso rural, coma o lácteo, o vitivinícola, o cárnico ou o forestal (este último a través do Plan Forestal de Galicia).

Precisamente, para salvagardar a continuidade do sector primario, de forma que a calidade sexa o gran referente que sempre distingue a Galicia, o Goberno galego está tamén traballando na futura Lei da calidade alimentaria.

Unhas normas legais que veñen acompañadas do apoio constante da Consellería do Medio Rural a través de diferentes liñas de axuda. Neste caso, cabe salientar os 8,77 millóns de euros convocados para fomentar a agricultura de precisión e a economía circular no sector agrario, unha nova liña de axudas centrada en optimizar esta actividade tamén pola vía do aforro de recursos -como a redución do consumo de auga-.

Indicación xeográfica protexida

O Pemento da Arnoia atópase baixo a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) homónima, que certifica a produción da variedade do pemento “verdón longo”. En Galicia, este pemento é unha variedade de conservación, polo que a semente para a súa multiplicación só pode ser producida na nosa comunidade. Esta condición permite garantir que non se produza semente para a súa reprodución fóra de Galicia e, polo tanto, limitar a nosa área xeográfica como produtora exclusiva deste tipo de pemento.