Este verao o prezo da carne “suprema” non se viu acrecentado como así viña
sendo habitual outros anos por estas datas.
Sarria, 4 de agosto de 2023. Este verao os prezos da carne de “suprema”, amparada
pola IXP “Ternera Gallega” están tendo un comportamento anómalo a respecto do que
viña acontecendo en anos anteriores, xa que estes se están mantendo cando en anos
precedentes se producían importantes subas coincidindo cos meses de xullo e agosto,
polo que os gandeiros e gandeiras produtores de tenreira galega suprema vemos
comprometidos o noso futuro ao non obter os prezos que outros anos eran habituais.
No mes de maio o conselleiro do medio rural prometía unha axuda para as
explotacións gandeiras produtoras de “suprema” de 0,80 euros por quilo de carne,
algo que a día de hoxe aínda non se recibiu.
Desde a FRUGA consideramos imprescindíbel que se execute canto antes esta
medida anunciada polo señor conselleiro, xa que estamos a falar dun sector
estratéxico para manter vivo certas zonas do rural galego, como son
fundamentalmente as da montaña, onde a economía de moitos concellos depende
principalmente deste sector, e noutros ten unha influencia importante, como poden ser
os concellos da Fonsagrada, Ancares, Sarria, Lugo, ou comarcas como as da Terra-Chá
ou a Montaña ourensá.
Está por demais dicir que toda medida de apoio ao sector produtor ten de repercutir
efectivamente sobre as produtoras e produtores directos, neste caso de carne “suprema”,
e non pode, nen debe ser aproveitada para baixar os prezos ao non efectuar a suba
que se corresponde con a época do ano, xa que do contrario quen en última instancia
se beneficia desta medida sería a industria comercializadora, que estaría mercando a
materia prima mais barata sen mudar á baixa o prezo nos puntos de venda.
Demandamos da Consellería do Medio Rural que poña en marcha os mecanismos
oportunos para evitar que a industria se aproveite desta axuda para comprar os
xatos mais baratos. De non ser así teremos que concluír que quen ao final se vai
beneficiar desta axuda van ser os matadoiros, salas de despezamento e distribuidoras co
consentimento da Consellería.
Perante calquera abuso por parte da industria transformadora a Consellería ten a
obriga de evitar que unha axuda destinada a favorecer aos produtores de vacún de
carne acabe beneficiando de forma indirecta a industria cárnica.