– A Xunta destina 849.673,92 euros á posta en marcha de 2 obradoiros de emprego xuvenís na provincia de Ourense; na Mancomunidade Voluntaria de Concellos da Comarca de Ourense e na Mancomunidade de Concellos da Comunidade de Verín. Así o anunciou esta mañá o delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, na visita aos traballos que están a desenvolver os alumnos e alumnas do obradorio de emprego ‘Terras de Mosteiros 2022’.
O delegado territorial detallou que na comarca de Ourense porase en marcha o Obradoiro de Emprego ‘Manco Xove VI’, ao que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destina 424.836,96 euros, con dous módulos de actuación: ‘Repoboacións forestais e tratamentos silvícolas’, que formará a 8 alumnos e alumnas, e ‘Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais’, que instruirá a outros 8 alumnos e alumnas.
Na comarca de Verín -continuou Gabriel Alén- a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destina 424.836,96 euros ao Obradoiro Xuvenil ‘Programa de Emprego para persoas mozas Mancomunidade de Verín VII’, con dous módulos: ‘Froitocultura’, que formará a 8 alumnos e alumnas, e ‘Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais’, que exercitará a 8 alumnos e alumnas.
O delegado territorial explicou que os obradoiros dirixidos a menores de 30 anos, que principiarán o 1 de setembro, son programas mixtos de emprego e formación que teñen por finalidade ocupar a persoas desempregadas mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten ao alumnado a realización dun traballo efectivo que incida na súa cualificación e favoreza unha posterior inserción laboral.
Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios reciben formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos. O obxectivo é incrementar as oportunidades laborais dos galegos e galegas.
O representante do Goberno autonómico destacou que ademais, a formación que se imparte nos concellos está adaptada aos perfís máis demandados das empresas da contorna polo que algúns alumnos atopan emprego mesmo antes de finalizar a súa formación.
Gabriel Alén lembrou tamén que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o programa para incentivar a contratación de persoas mozas de menos de 30 anos, mellorando a empregabilidade e a inserción laboral das persoas non ocupadas nesa franxa de idade. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destina máis de 7,5 millóns de euros para fomentar -en concreto- contratos formativos de doce meses de duración.
Así, a Xunta incentivará a inserción laboral de menores de 30 anos por parte de empresas, persoas traballadoras autónomas, sociedades civís e comunidades de bens con contías de ata preto de 20.000 euros por persoa. Trátase dun programa mixto, que ademais de impulsar con apoios económicos a contratación a tempo completo, ofrece formación en competencias brandas, unha combinación de habilidades sociais e de comunicación, actitudes, intelixencia social e emocional, moi demandadas polo mercado laboral.
O obradoiro de emprego ‘Terra de Mosteiros 2022’
Este Obradoiro, no que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade investiu 512.987 euros, está a formar a 20 alumnos – traballadores nos módulos de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes (10) e revestimentos continuos en construción (10).
No concello de Esgos están a traballar no mantemento da ruta de sendeirismo ‘Ruta dos Muíños; na limpeza a adecentamento do entorno da zona deportiva (cancha multiusos e piscinas); na recuperación do lavadoiro de ‘As Campinas’ e desenvolven tratamentos silvícolas en redes secundarias e terciarias das faixas de xestión da biomasa.
No concello de Nogueira de Ramuín levan a cabo tratamentos silvícolas en redes secundarias e terciarias das faixas de xestión de biomasa e a humanización da entrada ao Concello pola estrada OU-508.
No concello de Paderne de Allariz están a rehabilitar o lavadoiro de Arrabaldo e o lavadoiro da Vacariza, así como a reconstrución dun muro en Figueiroá-Caxamonde e outro en Cantoña. Tamén executan a limpeza de marxe esquerda do río Grañal ao seu paso polo concello de Paderne de Allariz e traballan no mantemento de ruta de sendeirismo ‘A Santa da Pedra’, a ruta circular de sendeirismo ‘San Xes’ e a ruta de sendeirismo ‘O Falbán’. Fan tamén tratamentos silvícolas en redes secundarias e terciarias das faixas de xestión de biomasa.
No concello de Pereiro de Aguiar levan a cabo a rehabilitación do lavadoiro de Cachamuíña na parroquia de Lamela, do lavadoiro de O Regueiro na parroquia de Vilariño, da fonte de O Regueiro na parroquia de Vilariño, da fonte da N120 en O Regueiro na parroquia de Vilariño, do lavadoiro de O Condado na parroquia de Melias, do lavadoiro de Frieira na parroquia de Melias, do lavadoiro de Santa Baia na parroquia de San Martiño, do lavadoiro de San Martiño de Moreiras na parroquia de San Martiño, do lavadoiro de As Quintas na parroquia de Calvelle, do lavadoiro de Sobrado na parroquia de Triós, do lavadoiro de O Pazo na parroquia de Triós e tratamentos silvícolas en redes secundarias e terciarias das faixas de xestión da biomasa.
No concello de San Cibrao das Viñas están a executar a rehabilitación do muíño de Castroverde, adecentamento dos seus arredores, e mellora da súa accesibilidade.
No concello de Xunqueira de Ambía desenvolven tarefas de tratamentos silvícolas en redes terciarias, o adecentamento do entorno da ‘Galiña Azul’ e o encintado da fachada do local social de Casnaloba.
No concello de Xunqueira de Espadañedo executan tratamentos silvícolas sobre redes secundarias e terciarias e acondicionan os lavadoiros de O Mato, Vilariño, A Veiga, O Barrio e Paradela.
No concello de Parada do Sil traballan na rehabilitación da fonte de Senra, da fonte de Chandrexa de Parada, do bebedoiro de Caxide e do bebedoiro de Castro. Tamén levan a cabo o acondicionamento do camiño de Valdemiotos á Ponte dos Torneiros e fan tratamentos silvícolas en redes secundarias e terciarias das faixas de xestión de biomasa.