A Federación Galega de Automobilismo, logo da excelente aceptación do programa “FGA nas Aulas” que terá dúas paradas máis en centros de FP de Ourense e Lugo antes de que remate o ano 2023, presenta o programa “FGA nas Aulas de Primaria”, que durante o curso 2023-2024 achegará o mundo da competición e os seus hábitos máis saudables como deporte ás escolas galegas.
Este novo programa educativo, orientado aos alumnos dos cursos entre 3º a 6º de Primaria, acudirá de maneira regular aos centros de primaria galegos que así o soliciten a través dun correo electrónico a prensa@fga.es, cun máximo de 15 e 25 centros dende o mes de outubro de 2023 ata maio de 2024 (datas a concretar) e por rigurosa orde de inscripción. Tan só poderá ser un aula por centro educativo para favorecer a participación do maior número de alumnos das distintas provincias galegas.
O propósito principal desta nova rolda de charlas é mostrar a competición de motor autonómica na súa esencia, cos valores propios de cada modalidade e os sacrificios que require chegar a ser un dos participantes ou organizadores do certame.
Ademáis, todas as charlas contarán coa presenza dun vehículo de competición e un piloto, copiloto, organizador ou oficial, así como outros invitados que falarán de aspectos como nutrición, seguridade dos participantes e afeccionados ou a historia do automobilismo galego.
Conscientes da importancia de levar adiante unha actividade atractiva, a FGA porá en marcha un concurso denominado “Decora o coche do Becado FGA 2024”. Neste certame, os alumnos da aula que visite o programa poderán realizar o seu deseño dun dos vehículos becados en 2024, sempre en concordancia cos patrocinadores do mesmo.
Un xurado designado pola FGA escollerá o deseño máis atractivo e farao realidade nunha das probas do programa dun dos becados pola Federación Galega de Automobilismo na tempada 2024.
A aula gañadora será invitada a visitar a asistencia do equipo becado para fotografiarse coa súa creación, o equipo que lucirá ese deseño e, como non, recibir uns obsequios, cortesía dos patrocinadores e a propia Federación.