O Psoe de Punxín acusa ao bigoberno municipal do PP e CxG de “pór en perigo” aos usuarios e ás usuarias da área de ocio do bañiño ante a presenza de cables de alta tensión

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Os e as socialistas denuncian que o grupo de goberno négase a realizar as xestións “oportunas” para instar a quen lle corresponda a desviar os cables que pasan xusto por riba de ditas instalacións

Lorena Peleteiro amosa a súa “incredulidade” ante a postura do tenente de alcalde, Eladio Fernández, quen en xaneiro presentaba unha moción na que “alertaba” da presencia das liñas de alta tensión

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Punxín, 28 de setembro de 2023. O PSdeG-PSOE de Punxín acusa ao bigoberno municipal de Punxín, conformado polo PP e CxG, de “pór en perigo” aos usuarios e ás usuarias da área de ocio do Bañiño. Os e as socialistas denuncian que o grupo de goberno négase a realizar as xestións “oportunas” para instar a quen lle corresponda a desviar os cables de alta tensión que pasan xusto por riba de ditas instalacións.

O grupo municipal socialista vén de defender no pleno celebrado esta mañá unha moción na que se instaba ao concello a solicitar a quen lle correspondese a xestión para o desvío do cableado, sen embargo e tal e como explican “atopámonos coa negativa rotunda do PP e do tenente de alcalde, Eladio Fernández”. Os e as socialistas amosan unha “fonda” preocupación pola negativa do goberno municipal a “mellorar” a seguridade na zona e acúsanos de “darlle as costas a unha área de ocio segura e sen perigos para os usuarios e as usuarias”.

A voceira do PSdeG-PSOE de Punxín, Lorena Peleteiro Vázquez, amosa a súa “incredulidade” ante a postura do tenente de alcalde, Eladio Fernández, quen en xaneiro deste mesmo ano presentaba unha moción na que “alertaba” da presencia das liñas de alta tensión, que transportan 380.000 e 332.000 voltios. “Non sabemos se ao señor Fernández xa non lle pregunta a presencia destes cables, nin quere que os veciños, veciñas e foráneos que visitan a zona teñan unhas condicións correctas de seguridade”, denuncia a edil socialista.

Peleteiro Vázquez lémbralle a Fernández que en xaneiro “afirmaba que a todas luces era inadecuado e perigoso a presencia de cables de alta tensión por riba do Bañiño”. Neste senso, a voceira do PSdeG-PSOE fai fincapé en que “parece que ao señor Fernández xa se lle esqueceu todo o que proclamaba e non é máis cunha marioneta nas mans do PP, unha mostra máis de que todo lle vale, con tal de seguir no cargo de tenente de alcalde”.

Cabe lembrar que as instalacións do Bañiño veñen de ser inauguradas recentemente, e nas cales se levan gastado, e se gastarán unha vez rematen as obras, preto de medio millón de euros. Por esta razón, os e as socialistas querían impulsar “a mellora da seguridade na zona” para contar cunhas instalacións “dignas” e “aptas” para un uso “seguro” por parte das persoas usuarias.

O bigoberno municipal en contra da mellora da transparencia e publicidade dos plenos municipais

Outra das mocións presentadas polas e polos socialistas neste pleno municipal facía mención a mellora da transparencia e a publicidade dos plenos do concello. O PSdeG-PSOE de Punxín instaba á gravación das sesións plenarias, colgando posteriormente os vídeos na páxina web do concello, para posibilitar que a veciñanza tivese acceso aos mesmos en calquera momento. Pois ben, o bigoberno novamente votou en contra, rexeitando a iniciativa.

Lorena Peleteiro afirma que o equipo de goberno “estalle furtando á veciñanza a posibilidade de dispor dun concello verdadeiramente transparente, cunha información clara e puntual, sen ningún tipo de manipulación”. A voceira socialista aproveitou o debate da moción para lembrarlle ao goberno municipal que o custe da gravación “é mínimo” e que un concello que quere ser transparente “debe poñer tódolos medios ao seu alcance para que ningunha veciña, nin veciño descoñeza a actividade municipal”.

As e os socialistas de Punxín consideran que o concello “non ten ningún interese, tal e como se aprecia ao rexeitar esta moción, de dar información puntual e cumprida á veciñanza”.