O BNG convoca á veciñanza afectada pola megabalsa de Coto Novelle a unha charla informativa en Castrelo de Miño

 A voceira do BNG en Castrelo de Miño, Marian Nieves, convida á veciñanza dos concellos afectados polo proxecto de central hidráulica reversible no coto de Coto Novelle e que afecta, según indica o propio proxecto, aos concellos de Castrelo de Miño, A Arnoia, Cartelle, Melón , Cortegada, Ribadavia e Crecente, a un encontro informativo o domingo 8 de outubro no albergue de Castrelo de Miño ás 12 horas.

 Para o encontro, que contará coa presencia do xeólogo e secretario técnico de ADEGA, Fins Eirexas; o profesor e enxeñeiro industrial, Esteban Suárez e a parlamentaria Noa Presas, voceira de enerxía do BNG,   foron convidados polo BNG diversos colectivos socias e veciñais das comarcas afectadas polo impacto desta megaconstrución, porén remarcan desde a fronte nacionalista  “é un encontro aberto a toda a veciñanza que desexe ter coñecemento da información que os concellos non lles están facilitando”

AVANTAR ACTIVIDADES

 Desde a organización nacionalista xa advertiron dos posibles impactos negativos que esta megaconstrución tería, desde afectacións económicas, afectacións aos aproveitamentos deportivos, coma outros sobre a saúde, nomeadamente polas afectacións sobre o xa grave problema de Arsénico que padece o concello de Castrelo Miño. Tal como sinalaba xa con anterioridade a parlamentaria Noa Presas “os ríos ourensáns están xa sobreexplotados e non podemos repetir os erros do século XX con novos prexuízos económicos, medioambientais e sociais para lucrar ás grandes eléctricas mentres Ourense se empobrece”

 Desde o BNG da comarca sinalan e critican a falta de acción e información  dos gobernos locais destes concellos afectados á veciñanza, a pesar de ser un proxecto en exposición pública ningún destes concellos informou a veciñanza até que o BNG alertou deste megaproxecto que afectaba a tan amplo espazo territorial e mesmo despois de levar mocións aos concellos, como en Castrelo de Miño, “agardaron varias semanas a que o BNG convocase un acto público informativo para que desde esa alcaldía se  improvisase un acto o día anterior ao encontro do BNG,  no mesmo local que lle denega á organización nacionalista para informar á veciñanza” sinalou Xavier López, responsábel comarcal do BNG do Ribeiro.