Preto de 200 rapaces de toda Galicia e do norte Portugal danse cita en Muíños na proba “Gladiator” infantil

Presentación da Gladiator Kids a celebrar en Muiños. Participan Rosendo Fernández (Presidenta do INORDE), Plácido Álvarez Dobaño (Alcalde de Muiños), Gabriel Alén Castro (Delegado da Xunta en Ourense) e Serafín Martínez Otero (organizador da proba).

Preto de 200 rapaces de toda Galicia e do norte de Portugal protagonizarán a “Gladiator Kids”, a primeira proba de obstáculos que organiza a Deputación de Ourense a través do Inorde para o público infantil co obxectivo de promover o turismo de familia na ponte festiva na zona da Baixa Limia. A presentación da proba tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o presidente do Inorde e deputado provincial de Turismo, Rosendo Fernández; o alcalde de Muíños, Plácido Álvarez; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén; e o director técnico da proba, Serafín Martínez. 

Trátase da última proba que organiza este ano a institución provincial, no marco do convenio coa Axencia de Turismo de Galicia para a dinamización turística da provincia, coa celebración de diversos eventos que reafirman “ao noso territorio como destino de turismo deportivo”. Lembrando que o goberno provincial “continúa a traballar nese ecosistema deportivo que atrae a numerosos visitantes ao noso territorio”, dixo Rosendo Fernández.  

AVANTAR ACTIVIDADES

Neste mesmo sentido, Gabriel Alén dixo que o convenio entre a Axencia de Turismo de Galicia e a Deputación, grazas ao traballo do Inorde, “leva anos permitindo poñer en valor os recursos turísticos de Ourense a través da práctica deportiva”, adiantando que “debemos continuar a traballar nesa liña de cooperación”. 

O alcalde de Muíños sinalou que este tivo de eventos de turismo deportivo teñen nos últimos anos un “forte arraigo” e están englobados no programa “Xurés Experience” que promoven os cinco concellos da Baixa Limia. Así mesmo, destacou o “retorno” que ten no sector hoteleiro do seu concello e de toda a comarca acoller este tipo de probas que “axudan a paliar o despoboamento e contribúen á creación de emprego nos concellos rurais”. 

A “Gladiator Kids”, que terá lugar o 14 de outubro en Muíños, está dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 16 anos con diferentes distancias e obstáculos. A carreira de carácter non competitivo para os nenos de entre 3 a 11 anos irá dos 500 aos 1500 metros segundo a idade e terán que realizala acompañados por un adulto. Ás 17.00 horas será a quenda para os participantes de entre 12 e 15 anos que competirán en equipos mixtos nun percorrido de máis de 3 km con 15 obstáculos no complexo de O Corgo, e contará o tempo do cuarto integrante, porque haberá premios para os tres mellores.  

Durante a proba haberá unha exhibición de vehículos da Garda Civil, tanto aéreos como terrestres para “achegar á sociedade civil os medios das Forzas e Corpos de Seguridade”, sinalou Serafín Martínez. A exposición incluirá a presenza dun helicóptero, o equipo de rescate de Trives, Seprona, cans adestrados e drons, entre outros medios. Os interesados en participar aínda están a tempo de anotarse de xeito gratuíto a través da páxina web www.gladiatorraceoficial.es