Os e as socialistas denuncian que os diversos materiais retirados da casa cultura, por mor dunhas obras de reforma, “nin foron separados ni depositados no punto limpo como corresponde e amontóanse no almacén das brigadas co risco que supón para os traballadores”
Elvira Lama pon o foco en que “non podemos pedirlle a poboación que recicle e separe o lixo cando o concello non o fai, nin podemos pedir compromiso co medio ambiente cando o máximo responsable da área e tamén alcalde, Amador Díaz, permite semellante desleixo”
Xinzo de Limia, 11 de outubro de 2023. O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia acusa ao alcalde, Amador Díaz, e ao seu equipo de goberno formado por AXIL e o PP, de atentar “gravemente” contra a saúde pública e o medio ambiente, tras depositar todo tipo de lixo “altamente” contaminante na explanada do almacén das brigadas municipais, no canto de levalo separadamente seleccionando o lugar que lle corresponde que é o punto limpo.
Dende o grupo municipal socialista de Xinzo explican que no campo da feira, onde está o almacén das brigadas, “amontóase lixo de todo tipo, tanto o que recollen os operarios nas vías municipais, para despois separalo e levalo en camións ao punto limpo, e a maiores desta vez todo o lixo que se retirou da casa da cultura, por mor das obras nunha aula no segundo andar”. Os e as socialistas denuncian que “a falla de previsión e coordinación para retiralo os días que está aberto o punto limpo, ocasiona este tipo de actuación a lixeira, sen ningunha sensibilidade nin sentido común”.
A voceira do PSdeG-PSOE en Xinzo, Elvira Lama Fernández, fai fincapé en que o lixo aló depositado dende fai días, “inclúe material potencialmente perigoso, tanto para a saúde dos traballadores e traballadoras como para o medio ambiente”. A edil socialista relata que nas instalacións “acumuláronse nestes días ordenadores e outros aparellos informáticos, frigoríficos, colchóns, cadeiras, sofás, armarios e todo tipo de material de oficina, incluídos materiais altamente inflamables como libros, caixas e cartón en abundancia, co conseguinte risco de incendio que supón”.
“Toda esta morea de lixo e de mobiliario, ben podía ser trasladado no momento da retirada directamente ao punto limpo, se a organización da retirada se fixera de xeito sensato e ordenado”, denuncia Lama Fernández. A voceira socialista tamén subliña que o punto limpo, situado no parque empresarial, “ten datas e horarios para facer entrega do lixo” e apunta que tamén cabía a posibilidade de “trasladarlles aos responsables do punto limpo a necesidade de recoller este material, xa que sabemos que teñen toda a disposición para acudir en canto se lles chama”.
Elvira Lama pon o foco en que “non podemos pedirlle a poboación que recicle e separe o lixo cando o concello non o fai” e neste senso tamén afirma que “non podemos pedir compromiso co medio ambiente cando o máximo responsable da área e tamén alcalde, Amador Díaz, permite semellante desleixo”. A voceira socialista ten claro que para que todo isto non aconteza, “é necesario que o alcalde e concelleiro da área de medio ambiente estea ao fronte do concello tódolos días e a todas horas, que para iso aceptou o cargo que tanto envexaba”.