A Deputación colabora cun congreso internacional que impulsará o uso educativo do Patrimonio Cultural Inmaterial

VI Congreso de Patrimonio.- O vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández, asiste á presentación do XI Congreso Internacional de Patrimonio Inmaterial e Educación, organizado desde o CCP Xaquín Lorenzo-Escola de Danza, xunto coa Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo e Ponte. Tamén participan na presentación Xosé Manuel Cid Fernández (Mesta da Univ. de Vigo), Xerardo Pereiro Pérez (Universidade Alto do Douro), Santiago Veloso Troncoso (Presidenta de Ponte nas Ondas) e María del Carmen Martínez (Directora xeral de patrimonio da Xunta de Galicia) .

O 6º Congreso Internacional do Patrimonio Cultural Inmaterial e Educación, baixo o lema “Ponte entre escola e sociedade”, analizará os efectos da aprobación da Convención da UNESCO do PCI despois de dúas décadas en funcionamento, así como o papel que exerce a educación superior na identificación, valoración, interpretación e dinamización do Patrimonio Cultural Internacional.  

O encontro está organizado polo Centro de Cultura Popular Xaquín Lourenzo da Deputación de Ourense; a ONG consultora da UNESCO “Ponte…nas ondas!”; a Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo; e a Universidade Trás-Os-Montes e Alto Douro (UTAD), en colaboración con entidades, universidades e outras organizacións para impulsar o uso educativo do Patrimonio Cultural Inmaterial. 

AVANTAR ACTIVIDADES

A presentación deste evento tivo lugar hoxe na sala de prensa do Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente segundo da Deputación e deputado de Cultura, César Fernández; o decano da Facultade de Educación e Traballo Social da UVigo, Xosé Manuel Cid; a directora xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Educación da Xunta, Mª del Carmen Martínez; o presidente de “Ponte…nas ondas!”, Santiago Veloso; e en representación da Universidade Trás-Os-Montes e Alto Douro, Xerardo Pereiro. 

A importancia do Patrimonio Cultural Inmaterial é “innegable para todas as culturas”, dixo César Fernández, quen reivindicou o traballo realizado pola Deputación de Ourense a prol da defensa e mantemento deste patrimonio a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lourenzo, a quen agradeceu o labor que realiza sendo unha institución “referente na conservación do noso patrimonio”.  

Neste mesmo sentido, o decano da Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo destacou “a fonte inesgotable que ten Ourense coa “raia” portuguesa de Patrimonio Cultural Inmaterial”, afirmando que a través destes congresos “poñemos en valor toda esa capacidade que ten a nosa sociedade por crear esa cultura, mantela e transmitila”. 

O obxectivo do congreso é dar visibilidade ás experiencias que hai de integración do Patrimonio Cultural Inmaterial na escola, non só no ámbito universitario, senón tamén no ensino primario e secundario, no que se está a facer un importante labor neste sentido, explicou Santiago Veloso. 

O Congreso comezará o día 16 de novembro, coincidindo coa celebración do Día Internacional do Patrimonio Mundial, e conmemorará o vinte aniversario que se cumpre neste 2023 da aprobación da Convención da UNESCO para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI), que ten como obxectivo a súa conservación, asegurando a súa viabilidade e optimizar o seu potencial para o desenrolo sostible.  

O simposio desenvolverase desde unha “perspectiva multidisciplinar pero cun enfoque moi educativo”, sinalou Xerardo Pereiro, quen destacou do programa a creación dunha rede de experiencias no ámbito do Patrimonio Cultural Inmaterial á que están convidadas preto de 90 entidades (museos, asociacións, etc) dos concellos da “raia”, co obxectivo de que “a xente se coñeza, intercambien experiencias, se realicen formacións e, en definitiva, sexa útil para a sociedade”.  

Este congreso, que se celebrará do 16 ao 18 de novembro en Ourense e en Vilarelho (Chaves), dará continuidade aos xa realizados en anos anteriores nos que se abordaron temáticas como o patrimonio no s. XXI, o Ciclo do Entroido como modelo de práctica social, Ourense no Camiño de Santiago, e o Afiador e outras técnicas artesanais de comunidades rurais, entre outras cuestións. 

Máis información: http://pontenasondas.org/congreso-2023/