O BNG solicitará no pleno deste venres retomar o proxecto de soterramento da Avda Otero Pedrayo

Faino logo de que a Xunta anunciase a compra de parcelas na zona para ubicar a súa nova sede administrativa e co obxectivo de permeabilizar o Campus e mellorar a accesibilidade e mobilidade ás novas dependencias

O Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense traslada ao pleno previsto para mañá venres unha vella reivindicación como é o soterramento de parte da Avda Otero Pedrayo. Un proxecto que por desgraza, segundo o BNG, leva durmindo nun caixón demasiado tempo.

AVANTAR ACTIVIDADES

Para a formación nacionalista o recente anuncio da Xunta de adquirir parcelas na zona para a construción da nova sede administrativa na que aglutinar todos os servizos do Executivo galego, supón unha boa oportunidade para retomar este proxecto e poder deste xeito, permeabilizar o Campus Universitario e mellorar a accesibilidade e mobilidade á citada nova sede administrativa xa que a súa construción suporá un importante aumento no tránsito de peóns na zona.

Trátase, segundo o BNG, de recuperar a idea xa contemplada no ano 2008 e no que a propia Universidade de Vigo propuxo o soterramento a través do que denominaban “proxecto de integración urbana” elaborado por Patxi Mangado e no que o citado soterramento era o elemento central.

O proxecto contemplaba a unión das dúas partes do Campus e a súa integración no resto da cidade a través do xa mencionado soterramento do tráfico entre as rúas Castelao e Torres. Falábase entón dunha proposta ambiciosa froito dun convenio entre a Universidade de Vigo, o Concello de Ourense e a desaparecida caixa de Aforros Caixanova. O obxectivo final non era outro que a construción dun bulevar de conexión entre o Campus e o barrio das Lagoas.

Mais o certo é que desde a Xunta de Galiza nada se ten avanzado no proxecto e o que resulta máis grave aínda, desde o propio concello non se ten amosado ningún tipo de interese polo mesmo.

Un proxecto que mellora a mobilidade, a accesibilidade e que contribuiría a humanizar toda a contorna. Actuacións similares téñense desenvolto noutras cidades do país como poder ser Vigo, A Coruña ou Santiago de Compostela. Falan no BNG dun proxecto presente mesmo no PXOM pendente de aprobación.

E é por todo o anterior polo que desde o BNG instarán ao Goberno Local do Concello de Ourense a impulsar e solicitar da Xunta de Galiza o soterramento do tráfico na Avda Otero Pedrayo de Ourense co fin de permeabilizar o Campus Universitario e favorecer a mobilidade e accesibilidade á nova sede administrativa prevista na zona.

Iniciativa parlamentaria

Este proxecto non será obxecto de debate soamente no pleno do Concello de Ourense senón que estará presente no Parlamento galego xa que o deputado nacionalista por Ourense, Iago Tabarés, ven de rexistrar unha iniciativa no Pazo do Hórreo na que incide na necesidade da súa execución e na que cuestiona ao Executivo galego sobre se realizou durante os últimos 5 anos, algún estudo sobre a viabilidade do soterramento parcial da Avenida.

Igualmente desde o Grupo Parlamentar queren saber se recibiu algunha solicitude da alcaldía do Concello de Ourense para a reordenación do espazo da avenida Otero Pedrayo que contemplara o soterramento viario ou mesmo se considera acaida a seperación actualmente existente entre as diferentes facultades e servizos universitarios do Campus, entre outras.