Valdeorras presenta en FITUR a campaña turística “Terras que saben”, enfocada aos seus recursos naturais e ao viño

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O stand de Galicia na Feira Internacional de Turismo (FITUR) acolleu a presentación da proposta turística “Terras que saben” do GDR Valdeorras, integrado polos concellos de A Veita, Larouco, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Petín, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras, A Rúa e Carballeda de Valdeorras. A Deputación Provincial de Ourense colabora co Plan de Sostibilidade Turística de Valdeorras, “Ruta Milenaria”, (financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a través de Fondos Next Generation), que xestiona o GDR Valdeorras, e o Inorde é o ente xestor do Xeodestino que abarca este mesmo territorio.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

“Trátase dun exemplo de cooperación entre tódalas administracións, para traballar no desenvolvemento turístico dunha enocomarca que alberga hoxe unha das variedades de uva máis apreciadas no mundo, o godello, que, sen dúbida, será o protagonista desta Ruta Milenaria”, explicou Rosendo Fernández na presentación. A proposta que fai Valdeorras, engadíu, “é un lema moi axeitado, “Terras que saben”, pola dobre referencia a sabor e saber que aúnan o valor enogastronómico e histórico deste destino”.

Precisamente, a campaña presentada en FITUR xira ao redor da intención de representar aos viñedos e ás formas suaves e redondas da natureza local (montañas, ríos, vales…). Asimesmo, a páxina web foi renovada por completo dacordo cos atributos da nova marca, optando polo dominio ‘.travel’, que favorece o posicionamento en buscadores do ámbeto do turismo e as viaxes. Así, a partir de agora, poderán buscar tódolos datos turísticos desta campaña en www.valdeorras.travel, dotada cun contido de calidade profesional, e que tamén inclúe un mapa interactivo con descripción e xeorreferenciación de cada un dos recursos e servizos turísticos do territorio dos nove municipios de Valdeorras.

Asemade, tamén se deu a coñecer o programa de experiencias ecosostibles que se está a levar a cabo por parte do Inorde, con 13 emprendedores locais deste territorio.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------