O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá ao concello de Boborás para, da man da súa alcaldesa, Patricia Torres, supervisar as obras de rehabilitación, xa rematadas, dos alpendres da feira de Moldes nas que a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades investiu preto de 48.000 euros.
“Unha aposta máis – destacou o delegado territorial- da Xunta pola conservación do patrimonio artístico e cultural cun incremento do 7 % nos orzamentos do vindeiro ano destinados a este fin, pois debemos seguir coidando, preservando e mantendo a nosa gran riqueza patrimonial nas mellores condición”.
Esta edificación, virase duramente afectada a raíz dos temporais de choiva de comezo de ano, que provocaron que parte da edificación se viñera abaixo, polo que era preciso a rehabilitación total da mesma para non perder este elemento patrimonial tan importante, ademais de ser dos poucos que se conservan non só na provincia de Ourense, senón no resto de Galicia.
Trátase dunha edificación emprazada ao norte do núcleo de Moldes, contigua á antiga escola, en fronte da igrexa de San Bieito e na contorna da carballeira que antecede ao pobo, ligada outrora ao uso da escola de Moldes, como espazo de recreo cuberto para os nenos e as nenas escolarizados, e xa anteriormente formaba parte da zona reservada para os postos da antiga feira de orixe medieval do lugar.
Na actualidade os veciños da contorna veñen empregando estes pendellos para desenvolver diversas actividades lúdico – sociais, como romarías, feiras ou os premios Antón Losada Diéguez.
As obras que se desenvolveron baseáronse na fidelidade de substitución do estado orixinal do alpendre. O sistema de cobertura elixido na reforma foi análogo ao existente; polo que, tanto os novos elementos da cuberta como os da estrutura son semellantes aos orixinais.
Para Gabriel Alén, “coa recuperación deste espazo, a veciñanza pode desfrutar de novo dun espazo para o recreo, onde poida construír prácticas comunitarias sostibles no tempo como a conversa, o xogo e o esparexemento como xeradores de comunidade participativa, ademais protexendo estes elementos do abandono”.