Acordos do Pleno da Deputación na sesión ordinaria de outubro

Ourense, 27 de outubro de 2023.- A Corporación provincial de Ourense celebrou hoxe o seu pleno ordinario correspondente ao mes de outubro, a cuxo remate os deputados provinciais gardaron un minuto de silencio en recordo o ex deputado provincial e exalcalde da Teixeira, Miguel Antonio Cid. 

AVANTAR ACTIVIDADES

O Pleno, seguindo a orde do día, adoptou os seguintes acordos: 

Modificación da ordenanza reguladora do BOP

A corporación provincial aprobou modificar a ordenanza reguladora do servizo do Boletín Oficial da Provincia de Ourense no marco da lexislación básica do Estado, Lei 5/2002 de 4 de abril, que regula os boletíns oficiais das provincias. Con esta modificación establécense as condicións e garantías para que o BOP -publicado na web desta institución provincial-, teña os mesmos efectos que os atribuídos á súa antiga edición impresa, asegurando a autenticidade, integridade e inalterabilidade dos seus contidos, os cales terán a consideración de oficiais e auténticos.   

Tamén para impulsar o emprego e aplicación das técnicas e medios electrónicos e informáticos na prestación do servizo público do BOP, permitindo avanzar cara á modernización administrativa e á vez achegar a seguridade xurídica necesaria mellorando as canles de información á cidadanía. Así mesmo, prevé as medidas necesarias para facilitar a consulta pública e gratuíta do BOP, para que ningún cidadán sexa discriminado polo feito de non dispoñer dos medios electrónicos necesarios. 

Con esta modificación adáptase ao novo procedemento administrativo derrogándose expresamente a anterior ordenanza que databa do ano 2008. 

Representantes dos grupos políticos no Inorde

Os representantes titulares e suplentes dos grupos políticos no Inorde son: 

  1. PSOE  

Titular: Susana Rodríguez Estévez. Suplente: Álvaro Vila Araújo. 

  1. BNG 

Titular: Xosé Manuel Puga González. Suplente: Fátima Nieves Fernández. 

  1. DO 

Titular: Rafael Martínez Cachafeiro. Suplente: Armando Ojea Bouzo. 

  1. PP 

Titular: Aurelio Gómez Villar. Suplente: Marta Nóvoa Iglesias. 

Delegación na Deputación da recadación do Concello de Calvos de Randín

O Concello de Calvos de Randín delega na Deputación de Ourense a recadación executiva, así como a revisión dos actos ditados dos seguintes tributos e demais ingresos de dereito público: imposto de bens inmobles (urbana e rústica); imposto sobre vehículos de tracción mecánica; imposto sobre actividades económicas; taxa de lixo; recadación dos gastos derivados de execucións forzosas, e as multas coercitivas. 

Delegación na Deputación da recadación do Concello de Sandiás

Aceptouse a delegación de competencias solicitada polo Concello de Sandiás a favor da Deputación para a recadación executiva, así como para a revisión dos actos ditados dos seguintes tributos e demais ingresos de dereito público: os gastos e multas derivados de execucións forzosas; o imposto sobre construción instalación e obras; as sancións impostas, e as taxas de auga e saneamento. 

Modificación orzamentaria do Inorde

Aprobouse o expediente de modificación orzamentaria (n.º 2/2023) do Inorde que permite suplementar as partidas dos dous xeodestinos que xestiona este organismo: Terras de Celanova-Serra do Xurés e o de Trevinca-Valdeorras, así como unha partida de 39.500 euros para colaborar cos Concellos de Parada de Sil, Castro Caldelas, A Veiga e O Carballiño en proxectos turísticos, enogastronómicos ou agrogandeiros.  

Modificación orzamentaria da Deputación

A modificación de crédito aprobada (nº 6/2023) ascende a 10,2 millóns de euros, dos que 5,6 irán destinados a cooperación coa totalidade dos concellos da provincia, ademais de 7 mancomunidades de concellos. Así mesmo, esta modificación permitirá colaborar con 21 entidades sociais, empresariais ou deportivas con 318.000 euros. Mentres, 4,3 millóns estarán dedicados a necesidades de xestión. Desta cantidade, algo máis da metade (2,8 millóns) ten como fin a cancelación do único préstamo vivo que mantiña a Deputación con entidades financeiras, polo que definitivamente a débeda da institución será “0”.  

Modificación da ordenanza fiscal das taxas do lixo

Actualízanse as taxas do servizo intermunicipal delegado de recollida, tratamento e eliminación de residuos sólidos urbanos e dos puntos limpos da provincia. Esta actualización adecúase ás subas derivadas da prestación do servizo e tendo en conta a rebaixa de SOGAMA. 

Ordenanza reguladora da recollida e tratamento de residuos industriais non perigosos

Aprobouse a ordenanza reguladora do servizo público supramunicipal de recollida e tratamento de residuos industriais non perigosos e especiais. Trátase dun sistema de prevención medioambiental e de recollida de residuos nas zonas industriais de Ourense, especialmente no polígono de San Cibrao das Viñas, a zona comercial Barreiros, o parque empresarial de Pereiro de Aguiar e a zona industrial de Seixalbo. 

O servizo comprende a recepción no centro verde de residuos de orixe industrial de tipo non perigoso e especial -situado no Polígono de San Cibrao-, producidos dentro do ámbito territorial desta ordenanza, así como a recollida e recepción “porta a porta” nas industrias e empresas dos produtores destes residuos. 

Ordenanza reguladora da prestación patrimonial polo servizo de recollida e recepción de residuos industriais non perigosos

Acordouse a ordenanza reguladora da prestación patrimonial de carácter público non tributaria polo servizo supramunicipal de recollida e recepción de residuos industriais non perigosos e especiais. O documento recolle os importes segundo o tipo de materiais a tratar e o custo por tonelada. Esta medida permitirá ofrecer este servizo a moitas empresas pequenas a un custe inferior ao que teñen que pagar a unha empresa xestora de residuos.  

O servizo inclúe a recepción no centro verde de residuos de orixe industrial de tipo non perigoso ou especial producidos nos municipios da provincia de Ourense, así como a recollida e recepción “porta a porta” nas industrias e empresas situadas na provincia de Ourense. O ámbito territorial de aplicación desta ordenanza abrangue o Polígono Industrial de San Cibrao, o Parque Empresarial de O Pereiro de Aguiar, a zona comercial Barreiros e a zona industrial de Seixalbo. 

Capítulo de mocións

Axilizar os trámites das axudas do IDAE: 

  1. Instar ao IDAE a adoptar as medidas oportunas co fin de axilizar as tramitacións, previas á contratación, dos expedientes relativos ao programa de axudas para a renovación das instalacións de iluminación exterior municipal concedidas polo IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía); e habilitar un teléfono de contacto e non limitar a comunicación o correo electrónico, remitindo todos os requirimentos a vez, para así non retrasar o pago das mesmas. 
  1. Instar ao IDAE a activar os medios técnicos necesarios que permitan incorporar as  xustificacións esixibles para tramitar a cobranza da parte subvencionable, xa adiantada por parte dos concellos, e que está a ocasionar tensións moi importantes na súa tesourería, axilizando o pago da subvención sen que o ingreso da mesma supere o ano natural. 
  1. Instar ao IDAE a incluír nas diferentes ordes de subvencións a posibilidade de anticipar o importe concedido para que así non se vexan afectadas as Tesourerías dos Concellos. 
  1. Instar ao IDAE a urxir a necesidade de volver á modalidade de subvencións a fondo perdido ao 100 % -ou en todo caso ao 80 %-, e non a préstamo ao 0% como na última convocatoria. 
  1. Instar ao Goberno de España a aumentar o importe nos Orzamentos Xerais do Estado para estas medidas, dado que a “acción polo clima” é un dos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030, tan  anunciados polo Goberno de España. 

Paco de Pedre 

  1. Adherirse ás peticións que encabezan os sete concellos agrupados en torno ao Paco de Pedre para esixir a mellora integral da estrada nacional N-541, conscientes da importancia que esta vía de comunicación ten para os veciños destes concellos, das dúas provincias e da nosa cidade. 
  2. Solicitarlles aos Grupos Políticos do Parlamento de Galicia que apoien as iniciativas que os alcaldes están impulsando desde o Pacto de Pedre para trasladarlle ao Goberno Central a necesidade de acometer a mellora integral da seguridade vial na estrada N-541, ao tempo que emiten unha declaración de apoio pública da necesidade de mellora. 
  3. Demandarlles á Xunta de Galicia e ao Goberno Central o inicio dun estudo para a creación dunha autovía Pontevedra-Carballiño, con conexión cara Lalín, que permita unha mellor vertebración viaria do interior da provincia de Pontevedra, ao tempo que crea unha alternativa eficaz á N541, estrada que hoxe funciona como único trazado real para a veciñanza e traballadores. 
  4. Instar ao Goberno de España a que acometa, coa maior urxencia posible, a mellora integral da estrada N-541 Pontevedra-Ourense, na totalidade do seu percorrido, de tal xeito que se garanta a seguridade da vía e reduza a elevada sinistralidade que presenta. 

Enlace entre as autovías A-52 e AG-31 

  1. Instar ao Goberno de España e á Xunta de Galicia á execución completa e integral dos tramos que faltan por levar a cabo da denominada ‘ronda este A52-A76 incluída no plan sectorial da rede viaria de Ourense, e denominada pola consellería ‘vía de conexión da A-52 co Polígono de San Cibrao’.  
  1. Instar ao Goberno de España e á Xunta de Galicia á execución da parte da infraestrutura que resta por construírse con características de autovía ou vía de alta capacidade, co obxectivo de facilitar a mobilidade e mellorar a conexión entre o polígono industrial de San Cibrao e o Parque Tecnolóxico coa autovía A-52.  
  1. Instar ao Goberno de España e á Xunta de Galicia a estudar, dentro da colaboración institucional, cal ou cales son as administracións competentes  para a realización deste tipo de proxectos. 

Tramitación da Central Hidroeléctrica reversible en Castrelo de Miño, Arnoia e Cartelle 

  1. Instar aos concellos de Castrelo de Miño, Cartelle e A Arnoia e á Deputación de Ourense a facer pública e comunicar á veciñanza cal foi posición que estas institución trasladaron ao MITECO a respecto do proxecto de Central Hidráulica Reversible na fase potestativa, na que estas institucións se tiñan que pronunciar e que a veciñanza pediu que se paralizase xa nesta fase. 
  2. Demandar do goberno central que rexeite a elaboración o documento de determinación do alcance do estudo de impacto ambiental da central hidroeléctrica reversible Castrelo de Miño nos concellos de Castrelo de Miño, A Arnoia e Cartelle promovida pola empresa San Isidro Solar 3 SL para protexer os intereses dos galegos e galegas ante o prexuízo ambiental, económico e social que tería. 
  3. Instar á Xunta de Galicia a que demande as debidas competencias para que Galicia xestione directamente os seus ríos e bacías. Co fin último de evitar que empresas eléctricas comprometan os intereses ambientais, económicos e sociais do País e exploten os nosos recursos naturais de costas os intereses das galegas e galegos. 
  4. Instar á Deputación Provincial de Ourense a remitir as alegacións necesarias e desenvolver cantas actuacións sexan precisas para a paralización do proxecto de central hidroeléctrica reversible e da megabalsa do coto Novelle. 

Mitigar os efectos do cambio climático na colleita da castaña 

1. Que a Deputación de Ourense se poña abertamente do lado do sector para garantir o futuro da actividade e inste á Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia á aceleración da posta en marcha dun plan integral para a revitalización dos castiñeiros do oriental ourensán que contemple un estudo en profundidade para a diagnose dos motivos da continuada caída da produción nas comarcas produtoras, chegando a establecer as orixes certas do problema (patoloxía por fungos, praga, déficit hídrico ou unha mestura destas causas).  

2. Que a Deputación de Ourense inste á Xunta de Galicia a promover, incentivando a colaboración entre universidades galegas e os diferentes actores do sector da castaña, a investigación de solucións adaptadas ás condicións de cada comarca que inclúa a selección de variedades de produto resistentes á seca e ás altas temperaturas, así como fórmulas que permitan o enxertado seguro de árbores máis resistentes aos andazos.  

3. Que a Deputación de Ourense inste á Xunta de Galicia á adopción urxente de axudas directas ao sector da castaña do oriental ourensán para que produtores, almacenistas e empresas de transformación, entre outros actores afectados, sexan quen de facer fronte ás perdas da presente campaña, así como a activación de liñas de subvención para que se apliquen nos soutos medidas fitosanitarias precisas para paliar os efectos de patoloxías, pragas e déficits hídricos.